30 abr 2011

Cinco millóns de historias

A realidade do paro é como a dun fillo ilexítimo a quen se lle rexeita a paternidade para evitalo escarnio. A inacción política tratando de ocultala realidade pendurounos, chantaxe colectivo incluído, sobre o abismo. É difícil responsabilizarse de semellante situación dramática que botou pola borda proxectos de vida, abocou á sociedade a un pesimismo enfermizo e apuntala ao exilio económico –no mellor dos casos- aos seus fillos mellor formados. Sen demagoxia, nin botalas mans á testa, é posíbel que a máxima responsable fora a propia voracidade do sistema capitalista e a continuación a máis beneficiada, pero as cabezas destes responsábeis políticos han de rodar polo chan, igual que lle rodaron ás víctimas, a eses cinco millóns de concidadáns, e estes si que non tiveron responsabilidade algunha. Cando a un visionario cincento chamado Santiago Niño Becerra vaticinaba unha realidade socioeconómica como a que estamos vivindo non lle dabamos ningún crédito. Agora diagnostica un 30% de paro en 2012 e o fin da crise para o 2020. Deben rodar cabezas?


29 abr 2011

Mudalo hábito?

Hábito, que non habito. Que faría o monxe sen hábito, e o hábito sen monxe? Descoñezo porque as vestimentas relixiosas se chaman así. Os hábitos son malas costumes, non por malas, senón por costumes, das que nos costa desprendermos. Hábito, habita, habito. Seica os hábitos de lectura están polo chan, segundo a Unesco os nosos índices de compra de xornais -85 exemplares por cada mil habitantes- están por debaixo do nivel dun país desenrolado. Os editores están preocupados, lóxico, e reclaman axudas. As novas tecnoloxías poñen en perigo a industria cultural, a cultura e o legado recibido. De que serven os libros se ninguén os le? A tecnoloxía trouxo outros hábitos, breves, infieis, tamén –hai que dicilo- frívolos. Aínda que obrigado, demasiadas veces confundimos no camiño tecnolóxico o continente co contido. As posibilidades, infinitas, os perigos: os indicadores falan. Unha reflexión, a educación e a cultura non son imposicións, son logros.

27 abr 2011

Ai Weiwei?


As ideas non son malas nin boas en si mesmas, o problema son as persoas que están detrás. Tódolos gobernos, independentemente do seu réxime, levan mal a capacidade da arte para subverter, e miran de esguello a aqueles artistas sinalados co don de conmover o pensamento, de furgar intelixentemente nas feridas da realidade cotiá. As cousas cambian cando no camiño xorden gobernos intransixentes e totalitarios onde o monopolio da verdade non se comparte. Ai Weiwei detido dende o 3 de abril é o máis recoñecido da lexión de artistas chineses que descubrimos fai nada. Un artista conceptual e valente, disidente co réxime, por aquelo de diferir do pensamento único, cuxas acusacións esgrimidas polo goberno chinés xustificando a detención: bigamia, pornografía e evasión de impostos, soarían a chiste nestes lares senón fose porque o totalitarismo chinés mobiliza a economía de occidente. O presidente Zapatero estaba en China o día que se anunciou a súa detención. Ai Weiwei é un artista mediático recoñecido internacionalmente, alguén - non como outros disidentes- difícil de agochar e sobre cuxa figura o réxime lanza unha mensaxe moi clara: “nada vai cambiar, seguiremos reprimíndovos”. Dá medo pensar noutro éxito do modelo chinés.

25 abr 2011

Pulse 4

Non foi unha mañá calquera, esta mañá foi o primeiro día do final da rematada socialdemocracia. “Se quere sabelo tempo pulse 1, se o que quere é falar cos seus nenos e levalos á escola pulse 3, pero se o que quere é relacionarse coa súa dona pulse 4”. “Telemática do carallo!”. Primeira chamada. Cando me decatei de que o meu primeiro interlocutor non era real tiven unha sensación incómoda, un tanto anoxante. A segunda xestión fíxena directamente a través do ordenador, o resultado igual de estraño aínda que práctico. A terceira decidín que fose fronte a fronte, fun directamente ao banco, un deses que presume de boa xestión, tiña xa ganas de falar con unha persoa coñecida. Non estaba, o que si atopei no seu lugar foi un dispensador de tickets. Puxen cara de sorpresa, igual que o resto dos presentes. Pulsei o número dous: “se desexa falar con algún dos empregados”. Por suposto que desexo falar con alguén! Na cola, ao señor que máis tarde me atendería, escoiteille como lle comentaba á parella que tiña diante, que o que desexaba era que o xubilaran.

20 abr 2011

O ano do partido

Pecho os ollos e penso na ringleira de cousas que se poden facer en noventa minutos, hora e media. Non quero enumeralas para non ser acusado de demagogo, xa que moitos de vós pensaredes que hai tempo para todo. Si, por suposto, aínda que o fútbol hoxe hipoteca todo o noso tempo. Non son noventa minutos, son días enteiros, un tras outro cercando o pensamento colectivo e a posibilidade de atender outras necesidades. A nosa vida é o máis parecido a un balón de fútbol que outros se encargan de rodar por nós. Ninguén  pode abstraerse á vórtice futbolera-mediática, cuxa capacidade aglutinadora atenta calquera sospeita de intelixencia individual. Unha vez máis ollaremos impávidos cara o partido do século, asistiremos a narracións exaltadas que sacudirán o noso ánimo, descubriremos que o fútbol non é un deporte, é unha corrente filosófica e Mouriño-Guardiola un filósofo máis. Non, non teño nada contra o fútbol, un deporte cheo de plasticidade, o que me resulta irracional é o histrionismo que o rodea, e o sinxelo que resulta manipular a colectividade sen ningunha oposición. Por certo, a que hora é o partido?

19 abr 2011

Adeus ao Esquecemento

A ninguén se lle escapa que Luís Tosar é un seductor. Un actor próximo e sinxelo que saborea o seu éxito alá por onde vai consciente do efecto talismán que o acompaña.
Onte presentouse en Ourense “Galaicus”, un proxecto de película que terá lugar por estas terras, Tosar mediante, a finais do ano que ven. A idea orixinal naceu dunha Festa do Esquecemento nas terras do “Lethes” á que foi convidado o tamén actor Rubén Riós; a idea ía para curta até que o ímpeto dos nosos políticos converteuna directamente en longametraxe, da que se descoñece o director, unha cuestión menor porque, Luis Tosar será quen represente a Décimo Xuño Bruto nesta película baseada na época histórica da romanización de Galicia. É que o cinema, tal como apuntou onte José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense, é un sector estratéxico. Eu non o dubido, máis despois do acontecido onte na presentación de “Galaicus”. É que o que lles gusta aos nosos políticos, non é admiración polo bo facer de Luis Tosar, é un verdadeiro fervor relixioso, un autentico espectáculo ver como cada idea, cada xesto, cada pensamento era asentido por todos os presentes, xornalistas incluídos. Eso si o de Isabel Pérez, teniente alcalde do Concello de Ourense, autoproclamándose especialista no período histórico foi o que se di o momento clímax. Igual o que temos que facer o vindeiro 22 de maio non é votar, senón iniciar o casting.

15 abr 2011

15 abril

Os homes/mulleres somos como electrodomésticos aos que as baixadas e subidas de tensión da rede aféctannos e poden danarnos os circuítos. Ao marxe do estrictamente alimenticio, o noso alimento diario tamén son as novas que recibimos ben a través dos medios, da rede ou directamente das persoas coas que nos relacionamos. Todos temos algún amigo especialmente cincento, do que tan só esperas que che baixe o ánimo, por eso en canto o ves xa tomas as medidas necesarias para contrarrestar a súa acción. Cos medios de información pasa o mesmo, xa sabemos que as boas novas non venden, ou se venden fano nunha cuarta parte das malas, salvo que lles ocorra o de Zapatero cos chinos e a inversión dos nove mil millóns das caixas, no que unha boa nova se torna nunha mala nova e entón dispara o interese pola nova. Non coñezo ningún estudio ao respecto, me gustaría saber en que medida o consumo de malas novas nos afecta ao estado de ánimo. Facede a proba, collede unha portada dun xornal e valorade, eso si, con algúns medios cincentos levade antídotos por si acaso non vos recuperades.

14 abr 2011


Media tarde en Bande, alto do Vieiro. Alcaldes, comuneiros, técnicos da Consellería e xornalistas agardan polo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, quen os convocou na zona para valorar os danos sufridos no incendio do pasado venres. Dende a estrada nacional N-540, a que une Bande e Celanova, a superficie queimada é moi visíbel; todos os camiños que conducen ao monte conservan aínda frescas as pegadas da maquinaria pesada que traballou na zona. Segundo a Consellería, a superficie queimada foi de 410 hectáreas, gran parte arborada, basicamente piñeiros e bidueiros. Tratábase dunha queima autorizada e controlada por persoal da propia Consellería. "Un erro no procedemento" diría ao chegar Samuel Juárez, "haberá que ver os fallos e despois se depurarán responsabilidades". Unha rengleira de coches oficiais diríxese apresurada ao punto de encontro, dun deles, sae o conselleiro, escrupulosamente peiteado, chaqueta gris con raias negras cruzadas, garabata, camisa branca a cadros e uns inmaculados mocasíns negros. Tralas declaracións ao pé do monte queimado o conselleiro dirixirase ao monte. "Se depurarán responsabilidades", a modo de eco, repítense entre elas as árbores queimadas. Os mocasíns do conselleiro, pensan o mesmo.

8 abr 2011

A Coieira

Fai case un ano, co gallo da reapertura dun histórico local na Parroeira (A Merca), Ourense, uns bos amigos pedíronme que lles fixera unha mostra no local. Lles dixen que si, que lles faría algo exprofeso, eso si a condición era de que o resultado ía ser novidoso. Canso da deriva mercantilista á que estamos sometidos quixen que a peza resultante fose máis espiritual que obxectual, unha peza alimentada tan só de dous ingredientes: tempo e memoria. Seguíndolle o fío a miña historia persoal, lembreime da existencia dunha finca familiar na zona. Non foi fácil dar con ela, nin os meus pais nin a veciñanza tiñan as referencias claras. A finca existía si, pero en que estado, unha autentica selva. A través de testemuñas, fun dando cos marcos, toda unha experiencia que non esquecerei. Clarificando o asunto, tan só quedaba o traballo por diante; que facer cunha finca de cincocentos metros de silvas chamada “A Coieira” na que facía máis de corenta anos que ningunha alma camiñaba sobre ela? Imaxinaba atrapada a memoria dos meus antecesores nela, labregos, e á vez, a de moitos de nós. Duro asumir que daquel conxunto selvático podía saír algo de interese para a veciñanza. Viva a utopía! A decisión estaba tomada, baleirar o espazo e facilitar o acceso sería a mellor forma de retrotraerme no tempo, establecendo de paso eso si unha serie de premisas de acción e que o traballo resultante tivera interese, e a intervención, certa durabilidade. A natureza é caprichosa e todo o transforma. Baleirei o espazo, tracei falsos camiños que o circundan e invitei a toda a veciñanza a súa inauguración a sabendas de que alí literalmente non hai nada útil para eles, salvo unha fermosa ruína, unha metáfora de tempo e memoria. O exercicio é gratuíto, o tempo somerxeraa pronto baixo a maleza, pero o que non cubrirá xamais será a memoria individual e colectiva de todos nós.
Mañá ás 20 h. descubriremos o legado.

8 abril

                        Rebeldes sen causa

           Esta crise non a pagamos nós”, mentira, esta crise pagámola, pagarémola como se di vulgarmente, entre todos os pagáns. É moi fácil saír á rúa, alentados pola chamada  mediática, a mobilizarse por argumentos deportivos, por ser campións de victorias alleas, facer colas insultantes á intelixencia para ollar cara iconas en réplica, é fácil saír á rúa a reivindicar o botellón, pero que difícil -me inclúo- é reclamar os dereitos propios. Que xesto de heroicidade e arroxo ver aos mozos de Túnez, Exipto, reclamando liberdade e futuro nas rúas, tamén aos da Libia prebélica, en Bahrein, e en tantos outros sitios. “As revoltas árabes”, “Algo está cambiando en Oriente Medio”, repetían os medios,  pero que pasaría se os nosos fillos, anestesiados da nosa man durante lustros polo hiperconsumismo contaxioso, de súpeto ante a evidencia de que todo era un espellismo, e a realidade fose outra: “Sen curro, sen casa, sen pensión, sen medo”, decidiran tomar a rúa e manifestarse até facer cambalear o fantástico réxime “democrático”. É cuestión de perseveranza e ver como algún onde dixen digo direi Diego.   

5 abr 2011

5 abril

Que é o pracer? E o amor? Teñen algo que ver entre eles? Esoutro día reencontreime cun vello amigo, Felipe, e lle preguntei pola súa parella, Lucía, amiga en común; ben amiga miña e parella del. Lucía era unha moza estupenda, sempre sorrinte e locuaz; ademais de fermosa.. “Non coñezo a esa señora”. Mentía, claro que si. O amor non desapareceu, fuxiu, mudou noutro sentimento ben diferente e precipitouse polo balcón. Amoucado recollín os fragmentos dos corpos: brazos, pernas, unha man, unha ombreira. Recollín tamén os rostros, o del, indefinido nunha especie de aceno; o outro, interpreto que o dela, indiferente. Gardeinos na mochila por se algún día atopo a alguén capaz de restauralos.

4 abr 2011

4 abril

A decepción é un sentimento cruel, por riba incluso da vinganza. Porque detrás dunha decepción suponse que houbo momentos ilusionantes, esperanzados e incluso vitais. Zapatero anuncia a súa marcha, como se esta non estivera xa anunciada, faino sen emoción pero con ánimo de sorprender, a súa derradeira decisión implica un apresurado cambio de chip ao Partido Popular; e ao seu líder, Mariano Rajoy, que xa se ve presidente, e está estudiando e practicando inglés, imaxinémonos que non na intimidade como lle ocorreu a outros. Zapatero deixou ao país e ao electorado de esquerdas desarmado, sen ánimo nin argumentos para a loita, demostrando que un optimismo malentendido, xunto a ineficacia do conxunto de asesores e dirixentes, provocou na sociedade un contaxioso pesimismo de psiquiátrico, unha precariedade social, ética e económica como nunca se viviu antes. A regresión vivida nestes catro anos é moito máis grave do que parece, a todos os niveis, non só no económico e social, a irresponsabilidade política deste goberno vai deixar fora de xogo a varias xeracións distintas, uns, directamente arroxados ao abismo, e os demais en estado de inoperatividade. Tan só hai un ente victorioso neste absurdo, o capital, que sempre sae a flote, aínda que non o faga de xeito equitativo.

1 abr 2011

1 abril

A enfermidade fai de nós a antítese do desexábel. Dous días baixo os efectos dunha forte conxestión fixeron de min unha especie de goldracha con argumentos moito máis inconexos do habitual. É unha sensación moi ingrata sentir como se che agreta a gorxa cada vez que espirras, como a testa está a piques de rebentar ou como é eso de ter  a sensación de que a musculatura levita. E esto non é nada, o peor é cando no medio da noite, morto de sono espertas cada vez que a respiración non flúe adecuadamente, lease cada dous por tres; ou cando un ataque de tose furibunda che fai ver as estrelas. Baixo a pesadume do insomnio provocado escoitas os andares dos veciños, imaxino que tamén somnámbulos, o ruxir dos escasos coches que transitan pola rúa, os berros dalgún bébedo e noctámbulo. C’est la vie.

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...