31 mar 2011

31 marzo

Din que a cara é o que nos diferencia, a que sustenta a expresión. Salvando as distancias, a cara é o que o adxectivo é ao nome nunha oración; a cara é o adxectivo da personalidade, o que nos acompañará sempre e do que a duras penas conseguiremos desprendermos. Pola faciana sabemos se unha persoa está angustiada, enferma, ou namorada; tamén descubrimos se é presuntuosa, insegura, ou sincera. E o que é peor, se nos esforzamos, veremos se o que temos diante é un vaidoso, un trepa, un mal nacido; ou incluso algo peor. O complicado deste exercicio é que do mesmo xeito que a maioría dos mortais somos cristalinos por natureza, tamén co tempo aprendemos a enmascarar a personalidade, é non fai falla ser actor. A política é moi dada a cambios de personalidade, a asumir roles incribles para quen fai nada convivía co resto dos mortais. Imaxino que o oficio de gobernar, por aquelo dos asesores, do despacho oficial, da responsabilidade, provoca mal de altura. É posíbel, aínda que na maioría dos casos o problema chámase doutra maneira. Admítense suxestións.

30 mar 2011

30 marzo

A velocidade non é un argumento inocente, é o máis parecido a unha enfermidade moderna aínda que historicamente vendéronnola como sinónimo de poder, de superación, de progreso, incluso de felicidade. A velocidade é o clímax da automoción. Quen non se deixou seducir por un vehículo descapotable, por algún deses fermosos dispositivos de catro rodas capaces de seguirlle a estela ao diaño. Sen moito esforzo a publicidade nos sacaba das escasas dúbidas que xurdían polo camiño. Houbo un tempo no que as autovías e autoestradas semellaban pistas de probas nas que sacar peito dos logros adquiridos nos concesionarios. Coches ateigados de cabalos marcando día a día os mellores tempos para despois ser conversa de café. En aras da seguridade, aínda que sen pórse de acordo, os gobernantes remataron con aquel proceso de desenfreo. A crise e argumentos economicistas de aforro enerxético obsequiounos con outra volta máis sobre o concepto de velocidade. A comunicación é a mensaxe que diría McLuhan, é como se a base de retardar os nosos desprazamentos quixeran facermos conscientes da nosa realidade actual: espartana e gris. Alguén pensou na publicidade para convencernos do contrario?

25 mar 2011

29 marzo

Portugal non é un fado, nin un estado de melancolía, Portugal é o máis parecido a un estado de pregaria infinita. A min sempre me chamou a atención o caracter cosmopolita dalgún do seus concidadáns, a facilidade para conectar co mundo. Falar das cousas que nos unen sería unha tarefa ardua, comezando historicamente polo idioma, o ardor guerreiro da época colonial, a historia común da multitude de pobos que pasaron polo territorio, e incluso un período de dictadura sufrido nos dous países, resolto de maneira ben distinta, no noso, o dictador morreu na cama. Aínda que entre veciños sempre existiu a desconfianza, dun tempo a esta parte, a raíz da crise crediticia e a dictadura imposta polos mercados, ambos países comezaron a ollarse con máis récelo. Trala dimisión do primeiro ministro portugués, José Sócrates, o seguinte paso é unha evidencia, unha sentencia en toda regra firmada polos mercados que son os que agora mandan; e non é o máis preocupante. O máis preocupante vai a ser a nosa actitude, pronto comezaremos a negar incluso cuestións de veciñanza, argumentado que agora somos un pais centroeuropeo de fala xermana que linda con algún lander alemán, e todo con tal de salvar o pelexo. Cuestión lícita por outra banda. Quo vadis Europa?

23 mar 2011

23 marzo

Non, non estou dacordo, o fútbol non é un deporte. O tópico dos  once xogadores correndo detrás dunha pelota como se lles fora a vida nelo, o da inexistencia do enemigo pequeno, o dos noventa minutos, non, non son argumentos de peso. O fútbol é moito máis ca esa simpleza. É o antidoto perfecto para alimentar a masa,  realidade paralela que se nutre a súa vez dunha lexión de almas anónimas en tránsito cara un destino impreciso ou que simplemente fuxen dunha estadía que manca. O fútbol engancha, xenera discursos, moviliza paixóns mediáticas. O fútbol é un gran negocio, pero sobre todo un asunto de estado. Alguén lembra quen foi Jean Marie Bosman? Home, claro.

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...