24 may 2011

Engulir un sapo


O seu aspecto é repelente, a pel, áspera e serodia. Ao mastigalos sentirás repetidas náuseas, froito do teu maxín e da fricción da pel contra o padal. Despois do primeiro todo será moito máis fácil.

C´est la vie



É curiosa a épica do xornalismo, a efervescencia de cartón pedra de onte dilúese hoxe cal balsa de aceite. É certo que as prazas seguen cheas, non de xente, si de fermosa poesía pintada, de ánimos de subversión e de desexos de loita. Os xornais tradicionais, aplicando a lóxica das novas, miran hoxe cara outro lado, ás molestas concentracións tan só lles quedan espacios residuais. O 15-M xa non é noticia nin no twitter. Quen lle bote unha ollada aos tuits decatarase de que todo foi un espellismo, e o que onte simulaba eterno hoxe resoa baleiro, infantil. As novas mandan, e os resultados electorais amotináronse cara unha dereita que agora reclama para si unha lexitimidade polarizada, a anos luz do plebiscitado. As furnas enchéronse de votos en branco e certos partidos tiveron máis representación. Velaí os logros das protestas. Mentres ao PSOE acumuláselle o choio, trala toupada electoral ábrese o proceso de primarias. Os mercados seguen voraces, esixindo até a última gota, léase reducción de déficit, sabedores de que trala globalización económica goberne quen goberne farano para eles. Sinto desacougo ao pensar que Dominique Strauss-Khan era a nosa esperanza.

20 may 2011

Prohibido reflexionar

“Si votas igual, te joderán igual”
“Enseñamos democracia”
¡No Pasarán!
“Si no nos dejan soñar, no os dejaremos dormir”
“No queremos ser marionetas de políticos y banqueros”
“Yes we camp!
Spanishrevolution.
Sin casa, sin curro, sin pensión, sin miedo.
Desabrochen el cerebro tan a menudo como su bragueta.
Menos construcción, más educación.
¡Indígnate!
¡Prohibido prohibir!
No nos representan.
¡Democracia Real Ya!
(…)

Nota: que los árboles no nos impidan ver el bosque.

5 may 2011

Asasinos de imaxes


Descoñezo se estaba armado. Antes de ser arroxado ao mar envolto nun lenzo branco e mirando cara a Meca, a Osama Bin Laden perforáronlle o cranio cun subfusil Mp5 de 9 mm.; as paredes da peza quedaron ensanguentadas con restos de masa cerebral espalladas por toda a sala. Minutos despois de provocar o óbito, membros dos ´Seal` que participaron no asalto tomaron imaxes a conciencia tanto do cadáver como dos outros restos. Hoxe o debate moral de Occidente é se seriamos capaces de soportar a crueldade das imaxes tomadas.

3 may 2011

El futuro no era así


As cicatrices do artista


A arte contemporánea está sometida a unha deriva perigosa. Quen reduza a arte a unha mercadoría máis do espectro da inmediatez comunicativa estaría subordinando argumentos nada desdeñables como o proceso creativo, aspectos ideolóxicos, a resposta da crítica e a do propio público.
     Todo temos unha idea do que son as feiras de arte e a propia relación de estas cos medios. É curioso como entre esa marabunta obxectual sempre unha serie de pezas visibilizan máis que o conxunto, asidas estas á comuñón cos argumentos máis terreais e polémicos.
     Un tanto ao marxe destas cuestións, Vanesa Díaz e Juan Adrio fixeron a dúas mans un proceso de tese para a sala Alterarte. O resultado, un tanto árido e disperso, centrado máis no proceso de creación que no estrictamente obxectual, deixa a un lado a visualización plena do espazo. Un conxunto de pezas que fan da minúscula sala un exercicio cargado de complexidade ao que, por momentos, nos costa seguirlle o fío. Ninguén dixo que a arte tiña que ser doada. É precisamente no momento creativo, nos previos a este, nesas motivacións que levan ao artista a camiñar nunha ou outra dirección “nesa loita contra a capacidade de fabulación dunha idea” nas que se centra esta parella artística. É o punto de ignición, segundo o comisario Ramón Rozas. 

     A exposición, na que proliferan todo tipo de soportes, ten momentos moi poéticos como os deses pequenos lenzos suturados que nos deixan entrever as feridas, “lenzos que se recuperan da perda”. Outros que fan do baleiro un momento máis, á semellanza da propia natureza, como o do tecido de araña. Ou ese máis intenso e sutil do “tempo suspendido” da lúa chea que podemos percibir a través dunha Venus embalsamada. Son precisamente das feridas onde xurde o feito creador do artista, momentos dolorosos que dan paso a outros de deleite. A mostra non é brillante, a intención é outra: reflexión e análise; e a reflexión cínguese a ese efecto circular a través das obras que iluminan o conxunto e foxen do inmediato. 
Jose Paz, en La Región 3-05-2011.
Sala Alterarte, até o 6 de maio "el futuro no era así" de Juan Adrio e Vanesa díaz.

2 may 2011

Que culpa teñen os peixes?

Seica Bin Laden non criará malvas, porque para criar malvas hai que estar morto e enterrado. Trala persecución peliculera que tivo lugar onte á noite no entorno residencial de Abottabad (Paquistán) a intelixencia norteamericana decidiu que o mellor para tan odioso individuo era que se fixeran cargo del os peixes, evitando así que outro país tivera que asumilo morto. As reaccións en USA foron de xúbilo, raudos estiveron tamén os nosos mandatarios facendo de palmeiros ante tan sorprendente nova. Obama está exultante. A vinganza cumprida, e co ínclito no fondo do mar evitaranse homenaxes. Que Obama non merecía o Nobel da paz é unha evidencia. Que ao mundo lle falta intelixencia, unha conclusión barata. Teño a impresión de que rematar así coa vida do máximo expoñente de Al Qaeda é o máis parecido a metela man no interior dun avespeiro, facer presión e pensar que sairás indemne. Hoxe os peixes aliméntanse coa encarnación do mal.

30 abr 2011

Cinco millóns de historias

A realidade do paro é como a dun fillo ilexítimo a quen se lle rexeita a paternidade para evitalo escarnio. A inacción política tratando de ocultala realidade pendurounos, chantaxe colectivo incluído, sobre o abismo. É difícil responsabilizarse de semellante situación dramática que botou pola borda proxectos de vida, abocou á sociedade a un pesimismo enfermizo e apuntala ao exilio económico –no mellor dos casos- aos seus fillos mellor formados. Sen demagoxia, nin botalas mans á testa, é posíbel que a máxima responsable fora a propia voracidade do sistema capitalista e a continuación a máis beneficiada, pero as cabezas destes responsábeis políticos han de rodar polo chan, igual que lle rodaron ás víctimas, a eses cinco millóns de concidadáns, e estes si que non tiveron responsabilidade algunha. Cando a un visionario cincento chamado Santiago Niño Becerra vaticinaba unha realidade socioeconómica como a que estamos vivindo non lle dabamos ningún crédito. Agora diagnostica un 30% de paro en 2012 e o fin da crise para o 2020. Deben rodar cabezas?


29 abr 2011

Mudalo hábito?

Hábito, que non habito. Que faría o monxe sen hábito, e o hábito sen monxe? Descoñezo porque as vestimentas relixiosas se chaman así. Os hábitos son malas costumes, non por malas, senón por costumes, das que nos costa desprendermos. Hábito, habita, habito. Seica os hábitos de lectura están polo chan, segundo a Unesco os nosos índices de compra de xornais -85 exemplares por cada mil habitantes- están por debaixo do nivel dun país desenrolado. Os editores están preocupados, lóxico, e reclaman axudas. As novas tecnoloxías poñen en perigo a industria cultural, a cultura e o legado recibido. De que serven os libros se ninguén os le? A tecnoloxía trouxo outros hábitos, breves, infieis, tamén –hai que dicilo- frívolos. Aínda que obrigado, demasiadas veces confundimos no camiño tecnolóxico o continente co contido. As posibilidades, infinitas, os perigos: os indicadores falan. Unha reflexión, a educación e a cultura non son imposicións, son logros.

27 abr 2011

Ai Weiwei?


As ideas non son malas nin boas en si mesmas, o problema son as persoas que están detrás. Tódolos gobernos, independentemente do seu réxime, levan mal a capacidade da arte para subverter, e miran de esguello a aqueles artistas sinalados co don de conmover o pensamento, de furgar intelixentemente nas feridas da realidade cotiá. As cousas cambian cando no camiño xorden gobernos intransixentes e totalitarios onde o monopolio da verdade non se comparte. Ai Weiwei detido dende o 3 de abril é o máis recoñecido da lexión de artistas chineses que descubrimos fai nada. Un artista conceptual e valente, disidente co réxime, por aquelo de diferir do pensamento único, cuxas acusacións esgrimidas polo goberno chinés xustificando a detención: bigamia, pornografía e evasión de impostos, soarían a chiste nestes lares senón fose porque o totalitarismo chinés mobiliza a economía de occidente. O presidente Zapatero estaba en China o día que se anunciou a súa detención. Ai Weiwei é un artista mediático recoñecido internacionalmente, alguén - non como outros disidentes- difícil de agochar e sobre cuxa figura o réxime lanza unha mensaxe moi clara: “nada vai cambiar, seguiremos reprimíndovos”. Dá medo pensar noutro éxito do modelo chinés.

25 abr 2011

Pulse 4

Non foi unha mañá calquera, esta mañá foi o primeiro día do final da rematada socialdemocracia. “Se quere sabelo tempo pulse 1, se o que quere é falar cos seus nenos e levalos á escola pulse 3, pero se o que quere é relacionarse coa súa dona pulse 4”. “Telemática do carallo!”. Primeira chamada. Cando me decatei de que o meu primeiro interlocutor non era real tiven unha sensación incómoda, un tanto anoxante. A segunda xestión fíxena directamente a través do ordenador, o resultado igual de estraño aínda que práctico. A terceira decidín que fose fronte a fronte, fun directamente ao banco, un deses que presume de boa xestión, tiña xa ganas de falar con unha persoa coñecida. Non estaba, o que si atopei no seu lugar foi un dispensador de tickets. Puxen cara de sorpresa, igual que o resto dos presentes. Pulsei o número dous: “se desexa falar con algún dos empregados”. Por suposto que desexo falar con alguén! Na cola, ao señor que máis tarde me atendería, escoiteille como lle comentaba á parella que tiña diante, que o que desexaba era que o xubilaran.

20 abr 2011

O ano do partido

Pecho os ollos e penso na ringleira de cousas que se poden facer en noventa minutos, hora e media. Non quero enumeralas para non ser acusado de demagogo, xa que moitos de vós pensaredes que hai tempo para todo. Si, por suposto, aínda que o fútbol hoxe hipoteca todo o noso tempo. Non son noventa minutos, son días enteiros, un tras outro cercando o pensamento colectivo e a posibilidade de atender outras necesidades. A nosa vida é o máis parecido a un balón de fútbol que outros se encargan de rodar por nós. Ninguén  pode abstraerse á vórtice futbolera-mediática, cuxa capacidade aglutinadora atenta calquera sospeita de intelixencia individual. Unha vez máis ollaremos impávidos cara o partido do século, asistiremos a narracións exaltadas que sacudirán o noso ánimo, descubriremos que o fútbol non é un deporte, é unha corrente filosófica e Mouriño-Guardiola un filósofo máis. Non, non teño nada contra o fútbol, un deporte cheo de plasticidade, o que me resulta irracional é o histrionismo que o rodea, e o sinxelo que resulta manipular a colectividade sen ningunha oposición. Por certo, a que hora é o partido?

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...