28 sept 2011

Paren que me baixo



                       O romance que vivimos co entorno tecnolóxico semella a antesala do disparate ou da loucura, que ven a ser o mesmo, xa nada ten lóxica, a este paso que vamos converterémonos en auténticos monicreques; tratarei de explicarme. Un caso real, no transcurso dunha cea de colegas, ampla e xenerosa e nun acolledor entorno, a maioría dos comensais sacou do seu  bolso un coñecido telefono converténdose este e as súas virtudes no centro da conversa, todos a gabar as aplicacións, tan amplas eso si como as dunha práctica navalla suíza, esa que tan só serve para ensinar.
                       Non fai tanto que o que se levaba,  aínda que só fose de boquilla, era un exercicio de resistencia contra as bondades do mercado. A sociedade capitalista era o demo, e o consumo, unha especie de veleno que con sutileza se nos inoculaba a través das mensaxes publicitarias. Evidentemente aqueles discursos marxistas que a un lle colonizaron o corpo na estadía universitaria non so non callaron senón que trouxeron,  visto o que aconteceu despois, modelos contrarios. O problema é que trala efervescencia do capital viñeron as burbullas, das puntocom ás  inmobiliarias, e a partir de aí o abismo; ao capitalismo houbo que insuflarlle adrenalina en vena ate padecer hoxe este desgonzante malestar que, ademais de pagalo, as tecnoloxías a modo de sesión sado fannos revivir ao instante. Ese universo resplandecente fixo crack pero a enfermidade, o seu veleno, témolo perfectamente inoculado, é máis fixémoslle un oco dentro das alcobas, cheas hoxe de aparellos telefónicos, portátiles ou tablets aos que lle fas máis caso que as respectivas parellas. Quen controla as autoestradas, a xestión do tráfico é o que triúnfa. Nós abrímoslles sen ser conscientes as portas das nosas casas, das nosas vidas, lles explicamos os nosos gustos, afinidades políticas e incluso as contas correntes. Eles a cambio fannos a vida máis cómoda, tan só tes que dicir si quero. Unha cuestión para rematar, coñezo unha persoa que conseguiu esquivar o móbil, cada día o admiro máis.
                         
                   *   Publicado no xornal La Región o 29/09/2011

27 sept 2011

Cando a confusión sae á rúa

           Quizás saír á rúa non sexa máis que a expresión dun duro oficio, o de entenderse cos demais. A rúa, ese lugar de encontro e socialización por antonomasia, converteuse no espazo onde devolverlle á sociedade as mensaxes recollidas a través das críticas e os medos.

             O home utiliza o seu corpo como bandeira, como baluarte identitario buscando a exclusividade. A  vestimenta na paisaxe das cidades é o novo fronte de batalla, imposíbel distinguir a publicidade estricto senso da dos homes feitos anuncio; todo suma. A mocidade habituada de por si a mesturalo todo necesita da rúa máis que ninguén, para amortizar a súa sexualidade,  pero tamén para espallar as mensaxes recollidas e  interiorizadas, aínda que estas non vomiten outra cousa que cacofonías, mensaxes cruzadas, por partir dese crisol desordenado que é a vida adulta, como se esta tivese as ideas claras. Saen  impetuosos á rúa, coa intención de visibilizar o descontento, de asegurarse un futuro menos esquivo,  recorren á cánticos interxeracionais ou lemas dos propios maiores, esquecendo que son estes os responsábeis de semellante estado de confusión.















26 sept 2011

Alterarte inicia curso


  

                  A mañá veu xenerosa, aínda que non sexa mais que polo feito de estar xunto a xente a que queres e admiras no entorno do “artisteo”, oficio que, dito sea de paso, poucos saben o que significa. Unha inauguración en Alterarte, a sala de exposicións da Universidade de Vigo xa é en si mesma unha boa nova. Atopar a xente como Xosé Manuel Buxán, Ignacio Gómez del Valle, Román Padín é en si mesmo un motivo de ledicia polo feito de vivir na distancia e non poder ser partícipe a diario do seu bo rolo. O resto dos presentes, non menos importantes, non os cito por formar parte a cotío neste tipo de actos.
                En tempos tan pouco poéticos, ou tal vez por iso Román Padín e Rafael Cidoncha, o crítico e o artista  encargados da proposta artística deste Estado Crítico, quixeron abrirnos os ollos a base de poucas pero ampulosas e selectas liñas. Un solo lenzo de gran formato (220x180 cm) engrandece a diáfana e elegante sala de Alterarte, cuxas reducidas dimensións nesta ocasión cheiran a pintura de verdade, e se agradece, entre outras cuestións por non ser o habitual. Un retrato de cabalete, de corte clásico dentro da mellor escola da pintura figurativa española, dun personaxe inmenso e poderoso como é André Leon Talley, o editor do Vogue norteamericano. Un retrato frontal que evoca a moitos cadros históricos, a min me suxire o Inocencio X de Velázquez, sobre un fondo naturalista de ambientación oriental, o personaxe envolto nunha luxosa bata escura e zapatos de festa, nun morado tan só apto para os mellores personaxes de Truman Capote. Na elección de André Leon Talley seguro que tivo moito que ver Román, inquieto comisario acostumado a relacionar a arte coa moda, ou alomenos a conseguir que Rafael Cidoncha se fixara no norteamericano cando coincidiu con el nunha festa e lle tomou as imaxes que alimentan a proposta.
            O resultado é maiúsculo, a nivel artístico, sempre é agradábel disfrutar do virtuosismo comedido deste tipo de pintura, máis se o elixido é un artista como Cidoncha, pintor cosmopolita de amplo recorrido; e reflexivo,  polo que presupón de mensaxe sinxelo neste tempos saturados, tan excesivamente desnortados e cheos de ruído.

     " Un retrato de André León Talley", de Rafael Cidoncha, Sala Alterarte do Campus de Ourense, do 26 de setembro ao 18 de Novembro

24 sept 2011

Unha vida chea de trolas


                                                     * Da serie "Circunstancias tenuantes", 2003. De Jorge Molder

                                           Jorge Molder, un existir simulado
                Meterse na pel doutro é unha boa maneira de coñecerse mellor, que llo pregunten aos actores. Dende a fotografía é común o feito de fotografarse a si mesmo, o que xa non  é tan habitual que un artista desenrole a súa obra a base de fotos súas case en exclusiva. O lisboeta Jorge Molder é un personaxe obsesivo que fixo da súa imaxe un oficio de desdobramentos que teñen máis que ver co intereriorizado, ca necesidade de coñecer e comprenderse mellor que co feito de asumir un rol por instalarse nun determinado disfraz.  
               Molder válese da fotografía como ferramenta de coñecemento, de comprensión dunha realidade que nos é esquiva cando non pouco comprensíbel, introducíndose noutro corpo, noutro personaxe partindo del mesmo. Elimina da imaxe todas aquelas cousas que non aportan, por eso o resultado é rabioso, enigmático, incluso chamánico diría eu. A conexión cos múltiples de Pessoa tal vez sexa unha conclusión  demasiado superficial, penso que Molder vai máis alá, o resultado artístico é tan prolixo como fascinante, imposíbel para alguén que transite tan só na superficialidade das cousas.  
             As Imaxes de Molder son como espectros, resultan ambiguas, fascinantes polo que recollen, polo que evocan, o noso tránsito cara o finito, cara á morte; polo puro exercicio fotográfico de reter o instante incidindo no artificio. Cada imaxe é como un gramo de melancolía sobre a balanza do existir.

23 sept 2011

Termalismo pola cara

Non fai falla facer miles de quilómetros para atopar destinos marabillosos. A dos viaxes imaxinarios é unha práctica ben recomendable e máis barata, unha terapia para sacudir o estrés e seguir adiante. Termatalia, a feira profesional do sector termal que ten lugar en Ourense durante este fin de semana, foi a escusa  desta mañá para diletar un chisco.

















22 sept 2011

Estamos parvos ou que?


                                                         

                   

         Algo cheiraba raro no Montealegre dende o principio, comezando pola partida dos ideólogos dun proxecto tan persoal  como complexo. A inauguración en plena canícula foi xa unha fatalidade manifesta. As improvisacións incrementaron os fallos, e os responsábeis pagan agora  peaxe nas críticas, e nós, os cidadáns,  a viaxe. Os erros son graves, non máis preocupantes que a intención de degradalo, de xardín botánico, de espazo de referencia, a un espazo verde sen máis; no medio 3,6 millóns de euros de inversión. A política, sen afastarse do chan, debe ser tamén ambiciosa, que ilusione e contaxie, e se o que falta é capacidade de xestión, o camiño é outro.
         É inadmisíbel que Demetrio Espinosa, exconcelleiro, e José Crespi, paisaxista, fixeran mutis por el foro, e os encargados agora –tampouco aquí hai director- de interpretar esta delicada partitura semellen un mar de dúbidas. Montealegre non é o problema, é a oportunidade, igual que os soños non se fan realidade da noite para a mañá, os xardíns tampouco. A crise non pode ser escusa de todo. Botánico ou non, Montealegre é un espazo con historia, con interesantes restos de arqueoloxía industrial e agrícola, un territorio de costumes para facer os magostos e correr os amoríos, para perfilar a cidade e a súa memoria dende esa atalaia privilexiada ao pé da cruz. As paisaxes non existen como tal senón que son froito do intelecto, a natureza en si mesma provoca o desorde e o caos, máis ou menos o que alí existía. O reto de Montealegre é exportar a idea, involucrar á cidadanía, ir máis alá da súa compoñente lúdica e de lecer. Desde as infraestructuras creadas, e dentro dun espírito naturalista, deberíanse asumir  propostas científicas, educativas e artísticas de referencia; con espazos adicados ao estudio e a documentación, bibliotecas e librerías especializadas, xunto con talleres e congresos no entorno. Devolvendo á sociedade o invertido, non en cartos, senón en esperanza e orgullo propio. 
 
     Publicado no xornal La Región o 22/092011

18 sept 2011

Desafío en Penedos do Lobo

O das maratóns é unha enfermidade común nestes tempos  modernos que estamos a vivir. Andainas, carreiras populares, marchas de BTTs, proliferan por tódolos concellos da provincia; non son probas demasiado costosas e xustifican unha demanda importante da sociedade. De todas elas, a maratón montaña de Penedos de Lobo, que ten lugar en Cabeza de Manzaneda, no corazón da Serra de Queixa, é un verdadeiro desafio ben fermoso pero duro, na cima esta mañá non se superaron os catro grados.
















17 sept 2011

Ao Vivo. Concerto de Sidonie no Teatro Principal

Ocórrelles a tódolos grupos, cando as cousas marchan os músicos se crecen. A actuación de Sidonie no Teatro Principal estivo chea de intensidade.














Historias no ar. Sen sustancia

O problema era que dentro non había nada.

16 sept 2011

Propósito de emenda


Atopou o anuncio na prensa do día: “Agencia de publicidad necesita creativo/a con capacidade de liderazago”. Dous minutos ante o espello foron suficientes para estudiar e mudala a personalidade enfermiza e negativa que o acompañou sempre. El foi precisamente o seu primeiro e único traballo. 


15 sept 2011

Será por diñeiro

Un que ten a mirada cicelada polo oficio e os quilómetros recorridos en estradas secundarias, non deixa de asombrarse, en parte porque non quere, tamén porque non o deixan. Agora que tanto se presume de xestión, de boas prácticas e austeridade, un alza a mirada no tempo e percibe unha realidade confusa, decátase de que certas infraestructuras creadas nestes anos son de dubidosa necesidade que non se sabe moi ben a qué responden; bo número delas xurdidas ao calor de Europa. É certo que o papel dos alcaldes para superar a adversidade máis que papel é un papelón, unha heroicidade, pero eso non desculpa. Salientable o mimetismo entre eles; moitas parecen froito dun contaxio. A ninguén se lle escapa que as obras, aínda que sexan inútiles serven para atrapar outras cousas, nada espirituais; a derradeira expresión tivémola coa posta en marcha do rei Midas chamado Plan E.

Parques empresariais sen uso, ou case; quilómetros e quilómetros de camiños rurais cementados; depuradoras que nunca foron tales; aeródromos que non viron unha avioneta, e se a viron foi de lonxe; miradores de natureza que a natureza enguliu; “caballerizas” que nunca viron cabalos; polideportivos a esgalla que o único deporte que albergan ao longo do ano é a festa gastronómica da vila; tanatorios multiusos cuxo único uso é velar ao amortallado; parques infantís que nin nos mellores tempos viron un neno prestado, agora albergan silvas; auditorios “marabillosos”, sen xestión nin orzamento a espera de milagres, lease contidos; edificios comarcais “full equipe”cuxo outrora espírito dinamizador agora apesta; casas de cultura cuxo déficit é precisamente a cultura; centros cívicos para xogar ao mus; xardíns botánicos a ve-las vir. En fin, a realidade é a que é, e seguro que a vamos cambiar entre todos.

   Nota: publicado o 15/09/2011 no xornal La Región

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...