15 sept 2011

Será por diñeiro

Un que ten a mirada cicelada polo oficio e os quilómetros recorridos en estradas secundarias, non deixa de asombrarse, en parte porque non quere, tamén porque non o deixan. Agora que tanto se presume de xestión, de boas prácticas e austeridade, un alza a mirada no tempo e percibe unha realidade confusa, decátase de que certas infraestructuras creadas nestes anos son de dubidosa necesidade que non se sabe moi ben a qué responden; bo número delas xurdidas ao calor de Europa. É certo que o papel dos alcaldes para superar a adversidade máis que papel é un papelón, unha heroicidade, pero eso non desculpa. Salientable o mimetismo entre eles; moitas parecen froito dun contaxio. A ninguén se lle escapa que as obras, aínda que sexan inútiles serven para atrapar outras cousas, nada espirituais; a derradeira expresión tivémola coa posta en marcha do rei Midas chamado Plan E.

Parques empresariais sen uso, ou case; quilómetros e quilómetros de camiños rurais cementados; depuradoras que nunca foron tales; aeródromos que non viron unha avioneta, e se a viron foi de lonxe; miradores de natureza que a natureza enguliu; “caballerizas” que nunca viron cabalos; polideportivos a esgalla que o único deporte que albergan ao longo do ano é a festa gastronómica da vila; tanatorios multiusos cuxo único uso é velar ao amortallado; parques infantís que nin nos mellores tempos viron un neno prestado, agora albergan silvas; auditorios “marabillosos”, sen xestión nin orzamento a espera de milagres, lease contidos; edificios comarcais “full equipe”cuxo outrora espírito dinamizador agora apesta; casas de cultura cuxo déficit é precisamente a cultura; centros cívicos para xogar ao mus; xardíns botánicos a ve-las vir. En fin, a realidade é a que é, e seguro que a vamos cambiar entre todos.

   Nota: publicado o 15/09/2011 no xornal La Región

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...