3 mar 2013

Alma mariñeira #José Suárez


Iconos

Foto: Mariñeiros
Autor: José Suárez, 1934


"Mariñeiros", de José Suárez


José Suárez (Allariz, 1902-A Garda, 1974) recoñecía a dureza dos oficios coa mirada envolvente e pétrea; amaba ás persoas e perseguía outra intención que se notaba na ollada. Como fotógrafo foi pioneiro na mirada etnográfica sobre o territorio e a cultura popular. Esteticamente seguiu parámetros da nova obxectividade e a inspiración das vangardas soviéticas e os seus rechamantes picados e contrapicados. A súa mirada era limpa, simbólica, arroupada por unha gran plasticidade; mirada totémica arredor dunha realidade desexada que ás veces se distanciaba e tornaba no contrario.
  A súa obra plástica estaba cargada de intelectualidade formativa e compromiso liberador, fundamentos que prenderon nel desde o momento que se aventurou cara a Salamanca na procura dunha carreira, a de dereito, e que el sorbeu con intelectuais comprometidos coa humanidade como Unamuno ou Ortega e Gasset, a través da Revista de Occidente, quen lle inculcaron un compromiso coa sociedade e a visión existencialista en boga naqueles tempos. Se o existencialismo, a non existencia dun vivir predeterminado, foi unha guía vital á cal aferrarse, como autor, máis alá da figura do home, a natureza e entorno acadaron gran importancia: a cultura da terra, o mar, impecable a serie "Mariñeiros", o seu traballo máis elaborado.
  A chamada do exilio viviuna por vía de urxencia, marchando da man de Colmeiro cara a Arxentina. En América fixo outra vida con Luís Seoane, Díaz Pardo, Luís Tobío, Alberti; traballou como xornalista e correspondente de medios como “La Prensa”o “El Día”. Pero tampouco alí o seu espírito libre e melancólico tivo demasiado acomodo. O home semellaba sempre nel un foco de fustración permanente, e a cámara a forma de aferrarse á vida, de acadarlle alma e espírito a cada instante a través dunha descrición minuciosa e poética. Fuxe cara o Xapón en 1953, como quen busca acadar una mirada máis austera, tres anos despois regresa a Arxentina onde escribe guións de cine e imparte conferencias; en 1959 regresa a Galicia onde atopa un país imposible segundo o seu prisma vivencial e a súa resistencia a dobregar o pensamento. E sofre, sofre de xeito maiúsculo. Morre en 1974, a carón domar e da alma dos mariñeiros que con tanta intensidade retratou.

*Publicado na Revista 3/03/2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...