En Columna
José Paz |
Fraga tiña o costume de reunir os seus
conselleiros unha vez ao ano en retiro espiritual para que colleran
folgos e traballaran arreo; eran outros tempos. A derradeira vez que
o fixeron foi no ano 2005 no entón recén restaurado Mosteiro de Santo
Estevo, alí todos xuntos, el e os catorce conselleiros que por
aquela tiña, se dispuñan a afrontar o reto dun novo período
electoral á vista e que rematarían perdendo. Naqueles tres días de
retiro laico -Feijóo incluído -debuxáronse máis liñas do Ave
imaxinarias das que xamais ninguén dos alí presentes pensaran. AVE para viaxeiros, AVE para mercadorías, agora non
contemplados, AVE específicos; todos verdadeiros. En Madrid xa
estaba Zapatero é todo aquelo era unha boa maneira de reivindicarse
–Plan Galicia- e a meter presión. As políticas sociais para mozos
e a atención aos maiores, non mancharon tanto papel pero tamén
foron previstas, o cheiro do Prestige aínda era maiúsculo.
Os tempos mudaron, o PP perdeu aquelas
eleccións, mais hoxe Feijóo ocupa o posto de Fraga, e Rajoy o de
Zapatero. A vida e a política xiran sempre sobre un pequeno eixe.
Aquelas vellas liñas do AVE debuxadas en anacos de papel resístense a unha
realidade teimuda. As infraestructuras ferroviarias costa erguelas e
tanto, a vella liña en uso –tamén soñada en papel a mediados do
dezanove- rematouse no ano 1956 coa forza de miles de presos que se
deixaron a pel en túneles como o do Padornelo. Agora Fomento dinos
que Zamora e Ourense, dous territorios periféricos a rabiar, non
merecen estar conectadas. As liñas de alta velocidade son o fito
tecnolóxico, vertebran o país claramente nunha dirección, cara a
súa centralidade. Zamora e Ourense son e serán deficitarias. Creo
que é o momento de facer un novo conclave en Santo Estevo.
*Publicado no xornal La Región 10/01/2013
*Publicado no xornal La Región 10/01/2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario