10 dic 2012

Aceredo 2.0 #Lindoso # Lobios

En Columna



Manuela Barbeito, 79 anos, veciña de Lobios que dende nena facía vida na aldea. 
Aceredo sae a flote para gritarlle ao mundo que non somos máis sabios, senón vinte anos máis vellos; tamén para reivindicarse. A antiga aldea emerxe das fonduras do encoro de Lindoso coma se fora unha pantasma - as pantasmas hai que respectalas- e con ela tamén emerxen os nosos medos. Son inevitables as vellas comparanzas, a evocación das lendas das cidades somerxidas de Antioquía, ou de Cospeito se apoderen dos nosos pensamentos e incluso rememoremos os vellos ritos pagáns traídos polos mouros –así chamábase a tódolos estranxeiros- con unha salvidade, todo o que aconteceu en Aceredo e Buscalque foi real. Vinte anos atrás todo foron trasfegas, tempos de crónicas de urxencia, manifestacións diarias, dramas pola perda do territorio soñado, e tamén“alegrías” pola pasta importante que a eléctrica EDP deixou nas mans dos propietarios coa que reconstruíron o Novo Aceredo, bastante máis ostentoso; construcións con aires de novos ricos, iso si, coa mirada dirixida cara as augas do encoro, como quen desexa ver algo máis. O anegamento duns territorios agarimosos, e fértiles, xunto a unha aldea tan recollida parecía imposible, aquilo semellaba unha especie de maleficio a mercé da prosperidade dos portugueses, pero foi unha acción recíproca, todo correspondía a un acordo establecido en tempos do franquismo, en contraprestación aos terreos doutro embalse xa construído en territorio español. Todo aquelo semellaba incrible, a veciñanza loitou até o derradeiro momento; incluso despois da definitiva firma coa empresa e a saída dos moradores das casas cargando co gando, coas pertenzas nas costas, en tractores; a igrexa transportada pedra a pedra cara Compostela. Un traballo duro e sen desprenderse das bágoas pola perda impagable. A repentina baixada do caudal na cola do encoro déixanos ao descuberto o conxunto das ruínas edificadas que restan da aldea, que fixeron estes días as delicias de milleiros de curiosos, como se foxen ruínas piranesianas destilan a fermosura dos escenarios do abandono e énchenos os ollos. Mais todo o que agora isto ten de espectáculo é tamén como se nos deixasen as vergoñas ao descuberto.

*Publicado no xornal La Región 10/12/2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...