Coas enquisas do CIS sacadas do forno a caste política anda presa do delirio. A derradeira sentou coma unha cea fría, a expresión dunha enfermidade, aquela da realidade do autoflaxelo, do pesimismo noventaiochista que semella levamos incrustado na pel. A quen se lle ocorre hoxe darlle voz á xente? A cidadanía camiña mosqueada de oficio, necesitada de descargar os exabruptos acumulados entre os dentes e cuspilos un a un como se fosen ósos de oliva. Que son senón as enquisas? Hoxe a plebe necesita emascular a alguén digamos que “de dereitas” porque toca, porque son eles os que están máis a man. Que outra cousa se pode pensar cando ves a un ilustre coma Wert, sabio ilustrado até que chegou a ministro, disparando canonazos á intelixencia. Os políticos son un problema, pero non é de agora. As corruptelas, a soberbia, o apego ao poder, as mecánicas partidistas durante trinta anos non pasaron desapercibidas aos ollos da cidadanía. En tempos do bipartito acordouse unanimemente unha asignación de 1500 euros a gozar cando remataran uns servicios prestados ao país. Pura obscenidade. A moitos a política lles serviu para acadar porvir mais tarde na empresa privada, pago polos servicios prestados? A mediocridade, a política de oficio, os abusos, fixeron gran dano á democracia.
O máis sorprendente desta enquisa do CIS, digamos que correa de transmisión da opinión pública, é o cheiro a certa melodía orquestrada que agora apunta xa o camiño contra o Estado das Autonomías en favor do centralismo. Momento crítico. De non aparecer políticos e política de nivel en breve da medo pensar que as seguintes demandas, en favor do pragmatismo, camiñen en pro do partido único.
José Paz |
*Publicado no diario La Región 11/10/2010
No hay comentarios:
Publicar un comentario