8 jun 2012

Territorio retranca #Galego #Alterarte #A ninguén lle importa a túa historia


Territorio de retranca
Exposición: A ninguén lle importa a túa historia, de Eduardo Valiña.
Comisariado: José Paz
Alterarte, do 8 de xuño ao 27 de xullo
Campus de Ourense, Pavillón 1




Vídeo-instalación multicanal, 10´, Eduardo Valiña

  Algún dirá que é unha obviedade, e non lle faltará razón, o verdadeiramente importante no labor do comisario é a elección do artista. Elixes un artista porque confías nel, confías na súa proxección, ou porque nalgún xeito te sentes identificado co seu traballo. O contrario sería un engano. A Eduardo, úneme a ligazón ao territorio e á natureza, tamén a viaxe é coincidente no relativo ás prácticas artísticas de periferia, argumento que a un servidor e a el nos traen ao pairo. E non é cuestión de ir de outsiders, pero cando  levas percorridas xa certas etapas do camiño, tamén chega o momento de chamar ás cousas polo seu nome. E nesas anda agora Eduardo e mostrarse  abertamente crítico.
Atrás quedou a arcadia feliz e mítica, as intervencións leves na paisaxe coas que  indagar no natural, claro exercicio  de resistencia,  de anhelo, ou de rabia. A paisaxe váisenos das mans, converteuse nun escenario decadente abocado a morrer e a desaparecer. Aínda que ligado ao Páramo, o seu espazo vital, o seu discurso lévanos moito máis alá do hiperlocal. A súa formulación é aberta e establecese en múltiples direccións na procura dun espectador atento e disposto; o seu é un discurso rico e transversal onde se tocan moitos fíos e no que tende a practicar certa autorrepresentación, que como diría Eugenio d´Ors é a mellor maneira de ter un discurso propio.
   Artista multidisciplinar e polifacético que necesitou explorar amplamente o medio até conseguir con claridade a liña de expresión, o  territorio é para el a súa mesa de operacións, de visibilización dos conflitos persoais, de conservación e de loita.
   O artista é hoxe un artista maduro e que discrepa abertamente da institución arte, e razóns non lle faltan. Estende a crítica da arte contemporánea ao territorio, ou ao revés, utiliza o territorio para criticar a arte, porque a arte está a ser tamén a gran mentira.  De aí ven o pesado ”I don´t understand you”, repetido en inglés unha e outra vez para perforar os nosos oídos, ou para que nos cuestionemos cal é o noso papel nunha sociedade coma actual. Todo é mentira, ou o que é peor, un fraude. A arte mente, a sociedade mente, a política mente, todo arredor de nós é unha gran mentira. Que o simulacro duchampiano non é nada ao lado da gran farsa que estannos a representar nese gran engano que é a economía financeira, que non é real pero que non paramos de recoller as vítimas do chan, vítimas inocentes e iso é o grave.
    Na peza que temos diante unha vintena de personaxes de distintos ambientes exprésanse nun idioma que non é o seu nin o falan, pero dan o pego, eles tamén menten. Como de xeito crítico, argumenta Valiña, é o que acontece arredor da arte contemporánea, onde se camiña pouco e se mimetiza demasiado para que todo funcione coma se fosen valores seguros. Todo é coma un xogo, e como sabedes, o concepto do lúdico na arte é moi importante. A arte a gritos, pesados, mecánicos, a cabalo da mentira da cultura popular coa que tantas veces se nos enche a boca a todos, cando en realidade esta e o que representa xa non interesa a ninguén porque, a arcadia feliz non existe. O outro tema sobre o que traballa Valiña, o da identidade, aínda que dun xeito transversal, tampouco existe. A identidade, un termo esgotado en si mesmo, identidade de qué? Como el di a forma de chegar a un público máis global é mentindo, a base de grandes mentiras. Valiña está a traballar nestas cuestións, no edificio da manipulación, lembremos aquela  imaxe coñecida do toxo na boca, fantástica metáfora dunha sociedade globalizada que á vez racha coa sabedoría herdada durante séculos. Na vella sociedade agraria o toxo era a base dunha agricultura de subsistencia, o recurso que estaba máis a man. Un toxo na boca -ao marxe dunha provocación- non é unha afirmación indiferente. E coma apunta Valiña, levo a cultura na boca para que a consumas mastigada, sen esforzo.
As aldeas e o rural xa non interesan, a cultura popular tampouco, pero no fondo da obra de Eduardo emerxe tamén unha homenaxe a aquelas familias que a sustentan. Para rematar prefiro quedarme agora con iso.


                                                                                                             José Paz

                                                                                     

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...