25 jul 2011

Non quero falar de Estambul


“Ter nación, ter orixe, ser nacido: medrar nunha particular banda sensitiva para ser, ser, ser// Xénese un mundo, para sentir, sentido.  Anacos dun abecedario, de Chus Pato.
Humboldt
 A paisaxe é unha paixón sensorial que se ve e se escoita apaixonadamente. A composición romántica do mundo entraña a experiencia estética con mediación do coñecemento. Somos o que pensamos.
        Pode que todo este traballo non deixe de ser una simple declaración de intencións, un exercicio de resistencia creativa, unha exploración da identidade persoal a través da paisaxe.  O que si teño claro é que a paisaxe é froito do coñecemento,  unha construción socio-cultural, incluso mental; o concepto de natureza é outra cousa. Dez anos de ensoñacións, de loita individual por atopar unha realidade a base de transitar, de recoñecer, de establecer unha forma de coñecemento e de recoñecemento do territorio. Ás veces sen ter claro o sino, pero deixando que a verdade emerxa, que esta sexa quen te descubra e te atrape a través dos estados de ánimo, tan importantes  á hora da exploración do territorio.
      É unha obviedade que a globalización non nos fixo máis libres, pode que nos conectara directamente ao mundo das mercadorías e o das redes , tan luminoso e “democrático” el,  pero a costa de perder certas cousas para min pertinentes, a identidade, a cultura, o idioma. Todo é agora un maremagnum de ideas apresuradas e febles, un rebumbio no que todo é semellante, instantáneo, aparentemente reflexivo e dixital. No medio deste caos as ideas e a cultura de balde achégasenos febril e indixesta, no medio da voráxine de mercados, mercadorías e números corremos o risco de esquecernos do traballo e do legado que  nos dá sentido como homes, Pobo, País ou como queirades chamalo. Na era do dixital adquiren novamente interese eses mundos analóxicos e físicos que algúns  queren denostar. E non é nostalxia, nin unha aposta polos localismos,  é a necesidade de enfrontarse á  fisicidade dos elementos, de sentir as atmosferas, o inmaterial dunha cultura que ven de lonxe.
    Nesta viaxe autobiográfica e creativa sinto a emoción dalgunhas das pezas  antigas como as de “Pais Celta” de principios do ano 2000, primeiro exercicio de introspección no  territorio a través da man do home,  da súa  pegada , dese índice lumínico sobre a paisaxe nocturna. A relectura unha década  despois  obrígame a repensar o que nesas imaxes está recollido e que casualmente penso que atopan gran conexión e sentido con pezas recentes  como a da Coieira,  a nivel creativo e persoal  chea de achádegos.  Como unhas  imaxes, ao marxe de representar unha acción determinada pódense complementar con outros elementos e visións incluso facer do espazo da intervención a verdadeira peza artística, xogando co absurdo en si mesmo xa que este despois da súa inauguración, despois de ese simbólico valeirado voltou a pecharse en si mesmo facendo que a natureza se apropiara novamente de el.
     “Non quero falar de Estambul”, ao marxe de facer un percorrido por algunha das pezas, por distintas series que me axudaron a darlle forma a un proxecto  e entender un  mundo que me foi legado e ao que admiro e quero,  e ao que trato de aportarlle outras visións e coñecementos, explora agora  novas liñas polas que penso que está a camiñar o meu traballo. Sirva de exemplo a instalación “Non quero falar de Estambul”, homónima ao título da mostra,   coa que está en min abrir novas vías de exploración sensoriais e a complementar a mirada en moitas direccións. Nesta exposición para o Museo do pobo Galego quixen tamén que as pezas da súa colección tiveran presenza establecendo  un diálogo, incorporándoas á mostra, un diálogo breve porque non se trata de construír un bazar.
En fin, agardo que todas estas pequenas cousas, non casualmente expostas no Museo do Pobo Galego,  sexan do voso interese, e sirvan de paso para tomar consciencia de que somos herdeiros dunha cultura antiga froito do traballo -consciente ou non- de moitos homes que nos precederon. 
                              José Paz

               

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...