21 jul 2011

Non quero falar de Estambul


“Como podemos achar pegadas no lugar onde se realiza a creación artística?
Non é ese un proceso invisible, non ten un lugar inaccesible, o cerebro do artista?”
O misterio da creación artística, Stefan Zweig

     Podería pensarse que a imaxe fotográfica é sempre mímese da realidade, que a cámara capta simplemente o que ve o artista, abducido por unha determinada sedución visual. Non obstante, a representación que chega ao espectador, tal e como se considera en O misterio da creación artística, responde máis a un proceso interior, que nace dentro e non fóra. Naquela conferencia pronunciada en 1940 en Bos Aires, Zweig afondaba aínda máis nas confidencias do proceso creativo cando afirmaba que mentres este acontece, o creador furga ata o fondo, subtraéndose do que o rodea.
     É posible que nas fotografías de José Paz exista moito dunha racionalidade organizada dende o cerebro, dunha reflexión premeditada, que “pensa” cada paso do proceso, ata chegar ao resultado final. Pero, non cabe dúbida de que cada escena que concibe lévase a cabo meténdose de cheo no propio corpo da súa proposta. O artista, como afirmaba o escritor austríaco, “está na súa obra”. E iso non só é posible se se exercitan os mecanismos racionais senón tamén aqueles outros nos que a paixón, esa querenza sensible que emana do corazón, toma protagonismo.
     A fotografía é para Paz unha especie de crisol no que converxen moitos aspectos: técnica, concepto, forma... O fotógrafo afronta o entrecruzamento de todos eles como unha presenza única, que esgrime como tese para indagar na relación coa natureza. Escruta o territorio, intervén nel buscando novas posibilidades, introdúcese nos seus segredos e remata por inmortalizalo.
     Dende a idea, pasando pola inxerencia na paisaxe, ata a revelación final prodúcese un percorrido na liña do que Beuys sintetizou como “artista total”. Dende o proxecto, atravesado formalmente pola estética da cor e a forma, ata a súa representación fotográfica, a cadencia plástica deixa igualmente as súas marcas en sendeiros de follas caídas, amoreadas nunha orde ilusoria, en árbores entrelazadas por fíos vermellos, en madeiros retocados con pintura ou nesas fendas humanas achandadas pola intrusión do ámbito natural. A realidade e a ficción móvense nun fino listón fronteirizo, difícil de delimitar.
     No Museo do Pobo Galego, Paz vai máis alá ao articular a súa obra con pezas do propio centro: legóns, aixadas, picañas ou rebolos para moer o cacao. Hai unha intención clara por referirse explicitamente á memoria, por solicitar a súa información ata facer que tradición e contemporaneidade se entendan. Mantén viva a idea de investigar testemuños como fonte inesgotable de recursos, por iso non foxe da historia senón que forza o seu encontro, promovendo unha relectura dende o presente, como nesas rachas amoreadas en planta circular que evocan inevitablemente os recintos fortificados dos castros celtas. 
     No título desta cita expositiva, o autor válese da argucia de aludir a unha trama, afastada da aparencia fotográfica.
     José Paz quere referirse expresamente a un ámbito próximo e familiar, o galego, e nunha transferencia magrittiana, como aquela na que o pintor belga xogaba coa metáfora enroscada entre a imaxe real e a representación dun obxecto, o fotógrafo ourensán fabrica equívocos con xeografías distantes que espertan dominios e significados ben diferentes. 
     Zweig preguntábase “como podemos achar pegadas no lugar onde se realiza a creación artística?”. Neste caso parece doado, porque antes de disparar o clic da súa cámara, José Paz vai deixando sinais sobre a terra, rastros na natureza que logo son impresionados pola fotografía para desencadear a curiosidade no espectador, obrigado a ter que recorrer á imaxinación para completar o eterno misterio da creación.

Mercedes Rozas

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...