Adelaida Vidal, 27 anos, A Coruña, actriz e escritora
José Paz |
Miradas furtivas, miradas descaradas, miradas compartidas, tamén recreadas. Hai persoas que saen da casa para que as vexan; outras que perseguen as miradas e ninguén o fai. Corpo sedución, xente que se move para seducir á persoa amada. Convén lembrar que a maneira de vestir é a maneira que temos de significarmos co exterior. “Olladas”, a novela de Adelaida Vidal, gañadora do premio Risco de literatura fantástica vai de todo iso e moito máis, por que as novelas, como a vida hai que pescudalas e vivilas.
A coruñesa, de corpo miúdo e áxil, é unha moza calma e sensible. Non hai moita distancia entre a autora literaria e a persoa. Ven de negro por que lle gusta esta cor, hoxe ela quere ser mirada como as personaxes da súa novela. De mirada pétrea, garda un punto de misterio como quen esconde algo. Na sesión incidimos na escuridade, nese punto misterioso que posúe e que de cando en vez zumega coa forza dun mar de fondo, é cuestión de seguir o fío e agardar o impacto.
*Publicado en La Revista 27/10/2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario