Iria Sobrado, O Carballiño, 31años, actriz
José Paz |
A vida ten moito de teatro, ás veces cómico, tamén dramático; con amplos monólogos que mudan en diálogos mudos, os que teñen cabida nun ascensor; tamén intensos, unha conversa entre amigos; ou aburridos e incluso moitas veces surrealistas, pero a vida como diría Jorge Santallana “non foi feita para comprendela senón para vivila”, mellor tratar de acadar outros fundamentos.
Ás veces encaixamos ás persoas nun perfil e metemos a pata, a un cura imaxinámolo cunha sotana, ao médico coa bata branca e o fonendoscopio; temos a tendencia a encaixar a todo o mundo reo dun papel, tamén ás situacións xa vividas por si estas tentaran repetirse. Tras unha intensa sesión coa actriz Iria Sobrado chega a miña sorpresa, déixame caer que a súa formación universitaria é a de matemática; toda unha longa hora de traballo e conversa tratando de encaixala nun determinado perfil e zas, “estudei matemáticas”. Rediós, como diría o Carrabouxo, de súpeto rebobinando a correr para ver se lle atopas eses intringulis numéricos nalgún lado; a mirada, o sorriso, a disposición do corpo, quizais a elección do espazo –unha recoleta librería do casco vello de Santiago, que como todas as librerías é lugar de paso e de encontro. A forma de ve-lo mundo, de sentir, de amar dun matemático non pode ser igual a dun profesor de francés, por poñer un exemplo. Seguro que non. Dime que entre os seus proxectos ao marxe da interpretación tamén está o canto, iso xa o encaixo mellor, máis ao recoñecer que o home que entrou pola porta co seu tesouro nas mans, Leniña, é Abe Rábade, un músico xa imprescindible no panorama jazzístico do país. Cos tres xa xuntos, Abe, Leniña e máis Iria, completo parte dun puzzle que se foi recompoñendo por si mesmo. Tan so darei unha impresión, creo que a Iria lle saen as contas neste gran teatro que é a vida. ¿A sesión? Nada matemática; polo menos pola miña parte.
*Publicado na Revista 27/01/2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario