José Paz |
Pasamos nun suspiro do final do mundo mundial inspirados polos maias á celebración do Nadal. Por non soltar nin soltamos o panettone das mans. Uff, respiraba a plebe ao constatar que o fin do mundo non chegara; outros, o que agardaban era que pasase algo, que alguén rematara con esta especie de maleficio construído a base de ladrillo e paleta; non ían por aí os tiros. A verdade é que hoxe todo cheira a pantomima de altura, unha realidade de cartón pedra á que todos agardamos que alguén lle poña o The End final. Xa nada é o que era, nin Italia onde Monti se proclama vencedor dunhas eleccións que aínda non se celebraron, e tampouco aspira a presentarse. Non sei que opinará de todo elo a “momia”de Berlusconi, quen seguro si que pretende revivir vellos tempos a golpe de Viagra.
Tempos de Advento como corresponde á cultura cristiá que nos move aínda que exerzamos de laicos e as igrexas estean valeiras de fregueses. A peregrinación está noutro lado, nos centros comercias, expresión do libremercado capitalista cuxo reinado si que é diste mundo. Que sería de nós sen a correspondente enchenta calórica de base proteica e remozado alcohólico que nos autosuministramos coma se fóramos ocas de foie. Rachamos cun ano inmundo, no que a maquinaria do Estado xa petou de máis co óso de xamón en forma de perna humana, a de todos, e na que aínda pretende seguir furgando. Que fácil é aplicar reformas en perna allea e desgañitarse da dor coma se fora propia. Instalados nesa envolvente pesimista na que nos meteron, mellor aproveitar estes tempos de convivencia forzada para tomar folgos, afastarse dos seguidismos e da mediocridade dominante e tratar de aproveitar estas datas para ter unha lembranza con aqueles seres queridos que nos precederon e aos que penso lles debemos algo, esforzo e persistencia. Saúde.
*Publicado no xornal La Región 24/12/2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario