En Columna
José Paz |
En 1952, nunha sociedade escura e mísera, un documentalista de excepción coma Eugene Smith apuntou cara Deleitosa, Cáceres, para facer “Spanish Village”, un elaborado traballo sobre o modo de vida dunha poboación atrasada dentro dun país que sufría a dictadura e os mesmos rigores de pobreza. A reportaxe cuxa metodoloxía segue os parámetros de investigación social propia dos documentalistas norteamericanos (nomes, idades e relación de tódolos retratados, polas nosas latitudes coñecemos a obra de Ruth Matilda Anderson dos anos vinte), publicouse na revista Life nun despregable de 24 páxinas xunto ao análise socioeconómico do país que incluía as condicións de traballo, paro, analfabetismo. Tempos de apoteose das revistas gráficas e a necesidade de crear estado de opinión sobre sociedades exóticas e distantes. Non obstante, era real a imaxe proxectada? Evidentemente que non, a obxectividade non existe, pero alomenos respondía a unha elaborada metodoloxía de traballo.
Estes días coincidindo coa viaxe do Rei e de Rajoy a Nova York The New York Times, regalounos unhas visión arrepiantes, a España do século XXI, xente alimentándose da comida recollida en colectores, familias desesperadas polo inminente desafiuzamento, guetos de inmigrantes; e todo isto en branco e negro, para que sexa máis plástico se cabe. As imaxes do español Samuel Aranda son propias dun Estado xa terminal no que reina o caos. O traballo do periódico máis influinte do mundo sobre España anticipouse na web e despois na portada impresa, o agasallo perfecto para os mandatarios de viaxe que seguro invocaron ao recorrente “terra trágame”. É evidente –non fai falla dicilo- que a visión proxectada non é a real, ou alomenos non é tan real como a mala fe despregada polos transmisores dese poder financeiro que seguro non dá puntada sen fío.
*Publicada no xornal La Región 27/09/2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario