José Paz |
Sempre tiven admiración pola cirurxía médica, uns magos que salvan vidas. Admiración extensiva a pilotos, científicos, e porque non, aos mestres de escola, das súas mans sairán as guías que construirán o futuro.
A pé de rúa os profesionais negados co seu oficio teñen os días contados , os resultados son sempre visíbeis. A sociedade non apoia a un panadeiro que faga mal pan, ou a un taberneiro que despache mal xénero, nin a un construtor ao que se lle derrúan os edificios. De todos os oficios o fútbol é un extremo de visibilidade. Tralo partido do domingo, as críticas cara del Bosque polas discrepancias tácticas ou contra a falta de precisión de Torres non agardaron. Son oficios cun plus de presión pola empatía que desprenden; o propio Rajoy aludiu a eles para elevar a moral dos españois.
Que ten a política que a fai diferente? O sábado pasado ás 19h 46´ fomos rescatados. Rescate light, selectivo ou inexistente; que máis dá que dá o mesmo. Un rescate financeiro que agravará o déficit público –Eurostat dixit– para salvagardar as entidades mal xestionadas desde a política e os sindicatos. É a política un paraugas contra a crise ? Que porcentaxe de protexidos da política perderon o emprego desde o inicio da crise en comparación co resto? Tralo rescate pola miña testa enfermiza pasaron os ilustres gobernantes que co diapasón cambiado leváronnos a este calvario de sacrificios. Sacrificios para resarcir os erros do sacrificador neglixente, matachín ou verdugo. Ou iso ou o caos. Por que un político é distinto dun médico que mata a un paciente por errar na diagnose? Por que alguén que xestionou mal no pasado non responde dos erros no presente?O chan cheo de vítimas, o país mofa internacional e os culpábeis vendo fútbol. De traca.
*Publicado no xornal La Región 13/06/2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario