José Paz |
Dicía Chesterton que “O marabilloso na infancia é que calquera cousa nela é unha marabilla”. Mentira, xa non é así, ou esa é a conclusión despois de ollar o novo informe de Unicef sobre a infancia española, que si xa non era para botar foguetes, o resultado deste é para chorar.
Os nenos xa non veñen cun pan debaixo do brazo, agora fano cunha débeda de 15.000 euros cada un deles, grazas á xestión política destes anos e ao endebedamento público a longo prazo. Con seguridade todo elo repercutirá no seu futuro, na súa saúde, na educación, aínda que como escoitamos estes días, non sempre a mellora nos ratios ten relación co incremento das inversións; sempre hai que deixarlle un oco á esperanza.
Quen pense que á Reforma Laboral non se lle viron os froitos é o momento de resarcirse, a pobreza infantil neste pais incrementouse en dous puntos, do 24% ao 26,2%, e iso que o baremo baixou dos 16.684 euros aos 15.820 euros para unha familia de catro membros. De traca.
Un de cada catro nenos comparte xogos coa prima de risco desbocada, é vítima de abusos pola megalomanía e nula xestión política da última década. Un de cada catro xa non recibirá asistencia sanitaria adecuada, a súa alimentación será deficitaria, tampouco disporá dun teito digno, o das actividades extraescolares serán unha quimera. Pero coma é mellor non ollar cara o vaso baleiro, por que non pensar na outra parte, nas elites, neses nenos coma eles que se costearán unha boa formación en colexios privados, subvencionados con cartos públicos, que gozarán dunha espléndida asistencia sanitaria público-privada, que completarán o seu desenrolo con actividades ben enriquecedoras, e que nun futuro non moi afastado, dende o poder financeiro, político, ou empresarial, lle contarán a estes nenos aquela historia de como se fodeu o pais. Paciencia.
*Publicado no xornal La Región 24/05/2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario