18 abr 2012

Hai que ir morrendo #En galego #Copago farmaceútico


José Paz

   Cando Adorno falaba da imposibilidade de escribir poesía despois de Auschwitz, non se refería a unha cuestión física, nin ao desexo de someter a unha eternidade silenciosa á creación poética, o seu sentir era o desacougo ante a obscenidade de exercer unha actividade estética despois duns acontecementos tan terribles. O que hoxe vivimos -afortunadamente- non é Auschwitz, pero os tempos son ben pouco poéticos.
      Coa intención do Goberno de incrementar a porcentaxe a pagar polos medicamentos aos traballadores en activo e incluír tamén aos xubilados (segundo renda ) veu ao meu maxín unha entrevista que lle fixeran fai tempo ao director de cine Montxo Armendariz na que cualificaba o que estamos a vivir non de crise, senón de fraude. Porque pensionistas hai moitos, inclusive aqueles  responsábeis deste trompazo monumental que nos estamos pegando, hoxe indemnes en retiro dourado; pero tamén é certo que hai pensións que de curtas que son non cobren nin as cuestións alimenticias. O susto tremendo que agora o Goberno lles está a meter a moitos xubilados destes vai a ser case definitivo; algúns restrinxirán os alimentos, outros caeran no abandono e deixarán literalmente de tomar as medicinas que necesitan. E o aforro irá ao carallo. Tamén é certo que entre as medidas positivas hai unha incrible, a de prohibir o paraíso do turismo sanitario, até os ingleses se mofaban da nosa xenerosidade, no país dos pícaros e os xestores sanitarios cegos.
     “Hai que ir morrendo”. Os galegos, que aínda que esteamos tesos sóbranos retranca, temos expresións tan crúas coma esta, que até o de agora se lle dicía aos maiores sen maldade pero con certo espírito macabro. Certo, até o de agora... Viva a poesía!

   *Publicado o 19/04/2012 no xornal La Región.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...