7 dic 2011

Susto ou morte?







“Damas e cabaleiros, teño que facerlles un grave anuncio”, así, coa solemnidade dunha nova radiofónica se inicia a coñecida historia da “Guerra dos mundos”, o resto, o relato da invasión extraterrestre e o pánico engadido é obra do malévolo Orson Welles. Corría o ano 1938. Que a realidade hoxe sexa global converte as novas en fenómenos planetarios, periodicamente fannos convivir con algunha delas. Lembrádevos daquel neurótico efecto 2000, o pánico terrorista tralo 11-S, o terror ao VIH, a paranoia das vacas tolas, ou o caos xerado trala gripe, aviar ou A. O medo bloquea, paraliza, pero tamén provoca a dose de estres engadido que nos axuda a sobrevivir. O home teme ser tocado polo descoñecido, por iso na resolución dos medos é tan importante pórlle rostro, desenmascarar o inimigo. A maioría non son reais. Apuntaba Tito Livio que o medo sempre está disposto a velas cousas peor do que realmente son. O feito de vivir permanentemente estresado, asoballado tralos muros do castelo dos medos é un risco tan letal como innecesario. Quen viva temeroso xamais será libre. Semellante desasosego como estamos a vivir non é tolerable, chegou o momento de pórlle rostro a estes medos que nos axexan? Seguro que todos vós lembrades, nos peores momentos da crise da débeda, a imaxe dun Zapatero desafiante e con cara de póker mirando ao infinito, a máis pura expresión do medo, sabedor de que o destinatario era un ser inmutable e multiforme. Un Frankenstein moderno? Que dicir de Mariano Rajoy que dende moito antes do 20-N está literalmente aterrorizado, as declaracións do sábado en Pontevedra son unha evidencia. A qué teñen medo estes gobernantes, que tipo de inimigo é ese? Convertéronse estes mercados nun descontrolado Frankenstein , nunha versión do tirano global do século XXI, ou é que o medo é hoxe o mellor aliado do modelo capitalista?
* Publicado no xornal La Región o 8/12/2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...