26 oct 2011

A Cidade e a Cultura.


                             

     A obra de Peter Eisenman lémbrame á dun escultor que admiro, Jorge Oteiza; no bo, ámbolos dous exquisitos na esencia; e no malo, mentres as pezas do vasco se perden ao proxectalas no espazo, as maquetas do norteamericano, viscerais e luminosas, mudan en ousado a quen intente promovelas. Non por sabido, o feito de que o conselleiro Roberto Varela oficializara que os dous edificios que faltan por completar na Cidade da Cultura pasan ao caixón dos tempos á espera de que o temporal amaine, causou menor sorpresa.
    Mentres no país a cultura está en folga, non por non querer, senón porque a creación converteuse nunha utopía, e os que están, industrias culturais (xornais, libros, teatro, música, artistas, galerías) están agonizando porque o consumo patexa, algúns pensaron que o Gaiás sería o cumio dos galegos, o faro de Alexandría que nos proxectara ao mundo e enchera o país de turistas. O cumio si, pola factura inabarcable que rematará coa cultura patria, e dilúa de paso a outrora admirable rede expositiva existente. Estou seguro que se ao expresidente Manuel Fraga lle deixaran retrotraer no tempo un desexo, ao marxe da eterna xuventude, hoxe liberaría ao pais deste cáliz con forma de vieira. A idea da Cidade da Cultura naceu a destempo e falta de definición, efecto contaxio do exitoso Museo Guggenheim de Bilbao, privado e amparado nunha fundación, un millón de visitas ao ano a 20 euros a entrada; O Gaiás, de balde. Os tempos mudaron, o efecto Guggenheim permanece, non só polo edificio de Gehry,  senón polas magníficas exposicións (moitas da súa colección). Aínda que vivisemos  nunha economía tipo Abu Dhabi semellante dispendio non tería lóxica. Ninguén vai ter a ousadía de descualificar unha arquitectura de feito sublime, pero si o desacertado (por diluído, indefinido e megalómano) do proxecto, máis cando a cultura patria adoece de nutrientes. Galicia non necesita proxectar máis continentes, senón aglutinar contidos.

*Publicado no xornal La Región 27/10/2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...