A Fidel Castro mátano case que tódolos
días. E sen empregar velenos, elixires, nin puros explosivos;
nin que se saiba a CIA anda polo medio. Agora tócalle morrer
virtualmente. O das redes sociais comeza a ser unha pantomima ao
redor da información. A falta de
mellor oficio agora se lles suplanta a identidade a
personalidades serias para anunciar a morte do dictador caribeño.
Esta vez tocoulle a Luis de Guindos, como se o home non tivera xa
suficiente, a Mario Monti, primeiro ministro italiano, e a Olli Rehn,
máximo responsable de Economía e Finanzas da Unión Europea, aos
que lles usurparon as contas en Twitter para anunciar a macabra
nova.
O problema das redes é que ante a
falta de novas de interese, polémicas adolescentes, ou un evento
deportivo de nivel o interese mingua e a conversa redunda nunha
sorte de cacofonía en bucle, máis se proceden dun mesmo círculo. E
xa non é a primeira vez que alguén lanza un sonoro ¡me aburro!,
farto de escoitarse a si mesmo e aos da súa corda. Cando o
interesante é o debate intelixente e que cada quen se exprese en
liberdade e non apuntalar o bo rolo ou o peloteo enfermizo. Esta vez
tocoulle a Fidel, a quen por cuestións biolóxicas non fai falla ser
pitoniso para adiviñarlle o porvir, antes foron outros. Ao
presidente Fraga estivérono matando durante anos, a derradeira vez a
familia tivo que sacalo á rúa para que lle dera o sol e de paso
parar os rumores. A verdade é que a nova, nada crible por certo, non
deixa de ser un paradoxo, en que porcentaxe a información que inunda
a rede ao marxe de ser crible é certa, e a quen se lle piden
responsabilidades sobre a mesma. A este paso remataremos por
reconstruír novamente a historia, difundir falsas teorías
matemáticas na escola, encher as teses universitarias de falsidade
achacándolle a responsabilidade dos nosos erros á wikipedia de
turno ou ao twitter. A cuestión non é que a morte de Fidel sexa
Trendings Topics, que non deixa de ser unha anécdota sen gracia, o
problema é que implica moitas máis cousas.
Publicado no xornal La Región 8/03/2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario