25 jun 2011

Loucura todo

No es necio el que hace la necedad, sino el que, hecha, no la sabe encubrir”, que dicía Baltasar Gracián. Valoracións ao marxe, non sei se o de baixar o límite de velocidade foi unha medida moito, pouco, ou nada meditada, tan so deduzo, visto o acontecido, e non fai falla aplicarlle moita intelixencia para deducilo, que se realmente o foi, non o parece, e se non o foi, tampouco, por non sabelo disimular. Ou como apuntaría de novo Gracián, “hanse de sellar los afectos, cuanto más los defectos”.

16 jun 2011

Ata os borbóns

Atrévete a pensar”, así reza o anuncio dunha universidade nun xornal. Non sei se este lema, o de pensar, é a medicina que necesitamos. Creo que o que máis nos urxe comeza a ser un psiquiatra, arxentino?, que nos aplique unha terapia de choque contra o caos mental ao que nos teñen sometidos.
A psicoloxía, os estados de ánimo colectivos van moito máis alá do que nos podemos imaxinar. A confianza no desenrolo de calquera actividade diaria é fundamental, tanto no eido individual como no colectivo e esta batalla estámola perdendo.
Tralos incidentes de onte no parlamento catalán rapidamente os máis molestos co movemento popular amplificaron o erro, que non é o primeiro, houbo demasiados dende que se iniciou o acoso físico aos políticos. Burgueses e acomodaticios como estabamos, á xente lle custou botarse á rúa, aínda que tralo esforzo esta non vai querer regresar a casa; necesítanse presas, solucións urxentes que o propio funcionamento do sistema impide. Hoxe as críticas lle chegaron ao príncipe Felipe, que tivo que escoitar as súas nun acto académico. El non é o culpábel, tampouco o ministro Gabilondo que o acompañaba, pero é xusto pensar que nun estado de frustración polos horizontes perdidos, as queixas camiñen cara onde se perciben incomprensíbeis diferencias. E ninguén desexa ser carnaza das quenllas.

13 jun 2011

O desenlace fatal


Non importan os motivos, nin as causas. É probable que de entrada nos sintamos indefensos, doídos e ata molestos con nós mesmos. Irritados polo despiste, ou por actuar con debilidade e non medir o fatal desenlace. A primeira sensación sempre será de rabia e impotencia. Sentiremos a incerteza do acontecido, o desexo de superalo trauma, a angustia de ter que recoller os anacos de cristais mesturados coa marmelada que irán directamente ao lixo. Preguntarémonos por que a ti, por que o recipiente tiña que estar cheo e non baleiro e así evitar un maior trauma. O instinto de superación diche que debes pensar en positivo. Ao recoller un vidro do chan tamén percibes certa sensación de alivio, de liberación, de sorte. A sorte de que non sexas ti quen se esnaquizara contra o chan.

10 jun 2011

A política da cultura

Nin aclamacións, nin clamores, nin críticas exacerbadas nin soflamas de amor. Enfrontámonos a nivel municipal a unha lexislatura na que persisten retos cada vez máis importantes, e sabedores de que coa crise a cultura será a primeira en sufrir recortes. 
Falo de cultura, que tal como  onte diagnosticara Isabel Pérez, futura teniente de alcalde da cidade de Ourense, é unha área “suxeita á transversalidade”; como todo. Cultura é o deporte, o urbanismo, a economía; tamén as infraestructuras, o medioambiente, o termalismo; cultura é todo o que atinxe ao ser humano, pero tamén é certo que convén non confundilo todo en aras de clarificar os horizontes. Creo que a cidade na que vivo é rica en moitas cousas, herdadas a maioría; o legado intelectual e literario é o orgullo de todos os galegos. Tamén a excelsa cultura inmaterial, maiormente ligada á terra, que de xeito cíclico representamos. Magostos, os Maios, o Entroido, as festas do Corpus, a Semana Santa, etcétera adquiren sentido sempre amparadas na tradición.
Temos iniciativas que funcionan, relacionadas co teatro, o cinema ou os festivais de música, repercutindo na economía local, argumento que as xustifica, e fidelizando moitos públicos.
O debe penso que está nas infraestructuras expositivas, erráticas e confusas, nas que a programación é unha sorpresa que non é o mesmo que sorprendente, sen un fío rector ao que acudir, e moi afastadas do que acontece na comunidade galega. Sen ter unha política clara nas infraestructuras existentes, o gran reto vai a ser agora a qué se vai dedicar ese novo espazo cultural do Banco de España, e a quen vai a estar dirixido. Se non se supera a esfera do local dificilmente terá outro interese que o anecdótico. O problema da xestión cultural é precisamente a ausencia da mesma, non é cuestión de abrir os espazos máis nobres á cidadanía nun exercicio de democracia artística, senón de clarificar e visibilizar obxectivos e destinatarios. É certo que de cando en vez emerxen exposicións de interese, pero a falla de comunicación, de fidelización e de traballo curatorial ou de programación arruínan os logros. 
A cultura a de ser un sector estratéxico que repercuta no emprego e na promoción da cidade, como? Estamos necesitados dun espazo dedicado á Xeración Nós, a nosa sinal de identidade, tamén dun museo da cidade que albergue aqueles elementos urbanos que reflictan os orixes, necesitamos xestores involucrados que fagan milagres cos orzamentos dedicados a estas áreas. Temos futuro? Moito.

6 jun 2011

Enredados

Quen non coñece a algunha persoa “abducida” pola rede? Unha desas que teñen máis vida dentro que fóra. Sen ir máis lonxe, esoutro día escoitei a unha moza dicir que almorzaba co Facebook; mira que non haberá mellores compañías. Todos nós estamos seducidos pola internet e as súas posibilidades, aproveitámonos da súa inmediatez, dos seus contidos, incluso lle damos á parola nesa especie de nova ágora creada. Referímonos a ela como futuro, e é presente. Algúns tamén a ven como a alternativa ao vetusto xornalismo profesional, argumento pouco convincente, aínda que no fondo compartan certas premisas e difiran nas máis importantes, entre elas o que coñecemos como rigor, ou os dereitos que amparan ao lector, esixidos ás empresas xornalísticas. Onde comezan as miñas discrepancias? Nunha moi simple e pragmática, cantas persoas das que ti coñeces viven da rede?

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...