José Paz |
Non sei porque se
irritan os sindicatos, nin os traballadores en xeral, non sei a que
vén iso de encher as rúas de xente. Quen comprende o que lles
pasou a eses estudantes valencianos do LLuis Vives que saíron á rúa
en son de paz para protestar polos recortes na educación pública e
os mazaron a golpes, nunha comunidade na que os responsables de que
agora haxa que recortar seguen cargados de razóns e dirixen as
porras...
Teño a impresión
de que ante a imposibilidade manifesta de volver á normalidade
-nostalxia daqueles fastos megalómanos e debates políticos de
altura nos que en interese da cidadanía se falaba do divino e do
humano, lease Estatuto- o presidente Rajoy decidiu actuar como hai
que facelo, cargado de razóns e dialéctica. Mentres os bancos,
preocupados en agochar nos seus balances a avaricia, non abran a man
para que flúa o crédito, nada mellor que flúa o sangue e o corpo
da clase traballadora.
Lembro unha anécdota
dun compañeiro que traballou un tempo para un empresario de fama,
que mercé ao seu espírito austero e vexetariano cubría o xantar
cunha triste mazá, lícito, cada un é libre de face-lo que queira,
o problema era que pretendía así solucionar o xantar do meu
compañeiro. Xa dende a oposición Rajoy vendeunos o ”acojone”
como prescrición facultativa, e unha vez no goberno os sobresaltos
xa son de altura e de recoñecido longo prazo, máis vale que sobre
que non falte. Que á hora de dialogar empresarios e sindicatos se
enquistan , hale, toma reforma, a quen lle importa a estas alturas
que sexa de dubidosa constitucionalidade? Que si o déficit do
previsto polo goberno anterior era do 6%, deso nada, do 8%. Nada
mellor que agrandar os problemas, incrementar o drama, tocar
realmente o fondo para que despois todo sexa mellorar.
Oxalá que as
verdadeiras intencións, a falta doutro modelo de negocio, non sexan
as de montar unha gran axencia de viaxes para resarcirnos da
imposibilidade de facelo doutro xeito, invitándonos a viaxar no
tempo, ao pasado, como se fósemos menonitas.
*Publicado no xornal La Región 23/02/2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario