Na vida todo ha de
ser aprendizaxe, incluso cando o que se acumulan son os
despropósitos. Despois dun incendio quedan as cinzas, tamén os
pensamentos abrasados. Tralo incendio do seu estudio parisino a
Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919 - París, 2012) as cinzas
enchérono de desacougo; demasiados anos de traballo arruinados de
súpeto, pero tamén lle iluminaron o camiño. Aquelas cinzas
regresarían ao lenzo mesturadas coa pintura, sen esquecer o suceso,
deixando que unha mensaxe subliminar se agochara baixo o seu
característico informalismo de corte cósmico e sentir ascético,
nunha linguaxe persoal inspirada nos pensamentos incendiados.
A obra de Leopoldo
recoñécese a distancia, a súa poética, o seu carácter sensorial
perpetúase incluso despois de pecha-los ollos. Non hai dúbida de
que é o artista galego máis internacional, galego da diáspora,
estranxeiro de formación que non de espírito, aínda que este
estivera cheo de resentimento cara unha terra tantas veces
arruinada por non saber ver nin facer. Cidadán do mundo, Arxentina,
Uruguai, Francia. A conexión con Galicia foi intermitente pero
constante, a súa casa de Armenteira foi a embaixada creativa deste
galego-uruguaio cuxa obra puidemos degustar amplamente nos últimos
vinte ante anos, a última, da man da Caixa, na avenida de Pontevedra
en Ourense.
Pintor, escultor,
muralista. A Nóvoa o lenzo lle sabía a pouco, por iso lle
incorporaba restos materiais, inscricións, perforábao, dáballe
volume. Dos encontros con Oteiza, Torres García lle quedou o
fondo,o concepto do espacial, tamén a xeometría. Da conexión con
Tapies, o informalismo de corte ascético, que o pontevedrés enchía
de metáforas, de misterio. As pinturas de Nóvoa semellan
espirituais, cósmicas, como lanzadas ao espazo para dar pistas de
por onde vai a deriva.
*Publicado no xornal La Región. 25/02/2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario