José Paz |
Froilán pegou un tiro no pé cando manipulaba unha escopeta non apta para a súa idade, Mariano Rajoy tamén pegou o luns de Pascua unha nova perdigonada de “altura” nas partes baixas dos españois. Froilán andaba de caza por Soria en compañía do seu pai, Jaime de Marichalar; Rajoy, non, o presidente saía do Senado despois da sesión de control ao Goberno, ao rematar, moi afectado despois de ollar cara as novas feridas abertas no corpo inerte dos españois, non só non fixo declaracións aos medios - tan só se lle escoitaron uns balbucidos - senón que lles escapuliu polo garaxe. A estas alturas, a vida -tampouco a educación- do pequeno Froilán corre perigo, o da Saúde e a Educación dos españois está por ver.
Esperanza Aguirre, que sempre anda de caza, tamén se disparou nun pé, e non foi un accidente, ela fíxoo aposta. A presidenta colleu a escopeta, botouna ás costas e apresurou o seu paso camiño da Moncloa onde ao chegar, diante de todos, os medios e o presidente, apuntou directamente ao pé e pulsou o gatillo. Bang, bang. O estrondo seco e a crueza do impacto enmudeceu a todos, comezando por Mariano, aínda que este algo sospeitaba. Esperanza ergueuse do chan onde caera, e con evidentes mostras de dor, amentou a bicha, a das Autonomías, propoñendo ela, que representa á Comunidade máis ficticia de todas, a abolición e a devolución das súas competencias coa premisa de aforrar unha chea de millóns. Mentres, os pais da coase inalterábel Constitución rebólense na tumba, os nacionalistas encolerizados amotínanse, e dende Europa vixían ledos. Tamén os sufridos contribuíntes colapsan a rede da Axencia Tributaria na procura dunha devolución urxente.
*Publicado no xornal La Región 12/04/2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario