De Moda
Non foi casual, Carlos Núñez elixiu para si un deses espazos no que se cura o estrés, un marco tan incomparable coma exquisito no seu Vigo natal, o Museo do Mar. Imaxino que o fixo pola necesidade de proxectar os seus pensamentos sempre un chisco máis alá. O mar pasa por ser ese nexo común que o une musical e emocionalmente coa Bretaña francesa, a Irlanda dos Chieftains, ou máis próxima a conexión brasileira na pescuda incesante tralos pasos do seu bisavó José María, emigrado desde a Mezquita (A Merca) alá polo 1904.
Carlos ten un punto de místico no que agocha un fondo de misterio, faise evidente nos silencios, cando no medio da conversa se queda calado, e regresa reflexivo aportando unha nota clarividente. O Museo do Mar apórtanos espiritualidade e coñecemento, garda moitas xoias, entre elas a do visionario enxeño somerxible de Antonio Sanjurjo, quen trabou amizade e serviu de inspiración ao escritor Jules Verne. Nel, entre escafandros, buzos e outros útiles de submarinismo elaboramos a sesión, ao fondo as Cíes, alguén dá máis?
Carlos ten un porte elegante e sabe levalo. Non é difícil que as fotos se impregnes da maxia do espazo, O músico síntese moi cómodo neste ambiente, un servidor tamén. Establecemos unha ruta de viaxe a carón do mar, desde o interior á praia, moi recollida, pasando polo peirao onde se instala o museo. A todos os lados acompáñanos o bolso no que garda o seu segredo, a gaita, o instrumento que o fixo mundialmente recoñecido, dálle seguridade. Hoxe será a testemuña silente que gardará o resto dos segredos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario