José Paz |
Tradicionalmente o entroido sinalábase no calendario coma ese espazo temporal previo á coresma cristiá; tempo laxo, paréntese de permisividade estraña e liberadora ao que en breve lle mudaran as tornas, pasando a outro período de ríxida abstinencia e iluminación espiritual a mercé da liturxia. Os tempos mudaron, da antiga sociedade rural quedan os ósos, e a influencia da Igrexa é tan restrinxida, que inclusive entre os máis acólitos e “dereitosos” defensores, cando lles toca, interpretan segundo proceda.
Din que o entroido deste ano será máis triste, nos colexios –basicamente públicos- directamente xa non se celebrará, precipitando aos nenos de súpeto á coresma grazas aos “benditos recortes”, dan fe de elo os mestres. Tamén a xente na rúa festexará con cautela, non na crítica, que a bo seguro serán substanciosa e atinada. A subversión e obscenidade do entroido non será quen de competir coa outra, a de verdade, a de tódolos días, a desa pouco edificante caste política chea de despropósitos maiúsculos, enredada demasiadas veces en casos de xudicialización; tamén os da financeira, eternamente indemnes.
Os cidadáns necesitarán máis ca nunca exorcizarse , e vano ter complicado. As forzas telúricas que nos están a someter a tan inusitado estrés non dan a cara, simplemente presionan para que outros lles fagan o traballo sucio, coa escusa de salvar o barco. O vindeiro domingo as críticas sindicais contra a “agresiva” reforma laboral mesturaranse na rúa entre comparsas e carrozas, para liberar eles tamén o demo que se lles meteu no corpo nesta xa permanente coresma, da que tan só semellan librarse o espellismo do fútbol, o seu reino non é deste mundo, e os intelectuais do corazón. Imaxino que porque o sufrido persoal patrio atopa nestes submundos a necesaria acción liberadora que lles falta no entorno persoal. De sexo este ano mellor non falamos.
*Publicado no Xornal La Región 16/02/2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario