16 ene 2012

Don Manuel, o león


         Está claro que a Manuel Fraga (1922-2012) o que lle gustaba era o poder, a cousa pública, ou o oficio de servicio público coma el dicía. Impetuoso e de armas tomar, vaia que si, sentimentaloide e choroso se daba a ocasión, pero sobre todo culto e con fondura, que é o mínimo que se lle debe pedir a un político.   

         Sesenta anos dedicados á cousa pública, con cargos de goberno entre a dictadura franquista e a democracia partidista, pasando pola transición tan sui generis coma a que se viviu neste país dan para moito, tamén para cometer erros, algúns, coma home adscrito ao réxime franquista, de difícil dixestión. Destacable o seu olfacto político, capaz de reconducirse, de adaptarse ás novas circunstancias coma se nada, Fraga foi capaz de practicar un volantazo, saltar a mediana e continuar traxecto case indemne. Coma cando trala derrota electoral a nivel estatal e despois de deixar a dirección do partido en Madrid  retornou a Galicia facéndose co poder absoluto da Xunta de Galicia durante quince anos, converténdose cando antes fora quen de rexeitalo, no maior entusiasta do autogoberno.
         A Manuel Fraga gustáballe o poder, pero sobre todo a súa representación. Difícil de esquecer o in crescendo das infinitas comitivas chegando rabiosas aos actos políticos, o corpo a corpo cos militantes (lembrade as romarías suorosas no Monte do Faro), os saúdos entusiastas e os bicos das mulleres populares, “as que teñen as carnes mellor postas”. As formulacións temerosas dos xornalistas, as respostas cortantes, ou desafiantes se tocaba. Galicia foi para don Manuel o seu pequeno gran país onde exercer o oficio que lle gustaba, unha especie de pequeno rei con corte de aduladores e rodeado de xente que tamén o quería con fervor. De non ser pola cuestión biolóxica e a pésima xestión do Prestige, Fraga seguiría hoxe gobernando en Galicia. Deixounos tamén a Cidade da Cultura, de cuxa factura ímonos acordar mentres vivamos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Envolturas de silencio

E l invierno envuelve cada rama entrelazadas entre sí por el frío y la niebla que lo atrapa todo en un escenario de aventura. Todo es ...