![]() |
José Paz |
Inmersos de pleno no estío, a canícula preséntasenos como se quen estivera diante fora a estela dun
descoñecido. O verán hoxe é un meandro estraño, un simulacro do que foi, e iso que neste
país de turismo sabemos un cacho.
Será porque agora
o quilo de política –esa que sempre se mediu ao peso– case non pesa. A política
sempre foi esa hoste etérea cuxos principios rexios escritos en trazo groso
aportaban a credibilidade e estabilidade necesaria, xa non. O que foi garante de
progreso mudou en desesperanza presa de intereses partidistas e tamén de
arribistas. A estas alturas da película, servidor non lle restaría
responsabilidade, non sei en que porcentaxe, á mala política comunicativa, a un
uso neglixente na linguaxe, coma un argumento máis neste acto de contrición que
estamos a padecer. A linguaxe, a comunicación –incluso a non verbal– é prioritaria
nas relacións persoais. A linguaxe pode tamén ser clave no desenlace dos
propios acontecementos, cando menos en determinadas fases. Quen pode
cuantificar até que punto as liortas políticas, ao marxe de políticas
inadecuadas, precipitaron a economía ao abismo? Quen pode asegurar que non son as responsables? A ninguén que desexe vender un
activo, ou ten interese en que ese activo non se desvalorice se lle ocorre
falar maldades del. Neste país non sempre foi así. Comentouno esoutro día na
súa intervención no Congreso o exsecretario de Estado de Economía, José Manuel
Campa, cando Zapatero presumía de que a banca española reinaba exitosa na
premier league, non era unha realidade plena, pero tampouco era cuestión de
vilipendialo argumento con crueza como se fixo para por en risco de contaxio e
credibilidade todos os piares da nosa economía. A linguaxe belicosa e
derrotista propia da campaña electoral nas eleccións do pasado novembro,
despois a alusión constante á herdanza recibida serviron para asolar a casa
común, que se non era firme de todo, agora xa non lle quedan nin portas.
*Publicado no xornal La Región 26/07/2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario