![]() |
José Paz |
España está na UVI. Froito dos excesos o país caeu enfermo. Por momentos parece que lle pasa coma a eses homes que cando non atopan o camiño se renden aos mundos do esotérico ou se aferran ás relixións. O país está enfermo e inmerso no tedio, e iso para quen foi bulicioso e alegre non é pequena desgracia. Dende o desenrolismo o turismo foi un motor económico, e cagámola, por sobreexplotar unha galiña que aínda que perdeu plumas mantén –afortunadamente- o atractivo para millóns de turistas estranxeiros.
Agora nesta crise moral na que andamos entran de súpeto na escena novos personaxes cuxa procedencia é dubidosa. Na metade do drama con tintes de farsa emerxe un home sinistro como Sheldon Adelson que promete transformar un dos dous polos máis europeizados do país, Madrid ou Barcelona, nun gran casino, Eurovegas, e os titores deste enfermo estanse a disputar a apócema. Coma a economía está como está a quen lle importa a estas alturas que as esixencias sexan leoninas, que nos espacios en xogo se aspire a unha lei amoral ou daniña, incluso a aquelas que non teñen cabida no noso réxime xurídico. Descoñezo os encantos que se erixen sobre ese mundo de realidades de cartón pedra no que reina a escuridade para que a ficción non se enturbe. Ferrán Adriá-visionario da cociña-dixo que o proxecto se explicou mal, que se os casinos se instalan en Cataluña el colaboraría desinteresadamente.
Non é por dar ideas pero se a moral xa non importa, deixémonos de medias tintas e apuntemos directamente a economía do país cara ese mundo de negocios turbios nos que se enmascara e branquea diñeiro, se trafica con armas, seres humanos e drogas. Hai países que o fan e case non se nota.
*Publicado no xornal La Región 5/07/2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario