Foi o aperitivo do que será hoxe unha intensa
tarde para os amantes da letra impresa, a presentación esta mañá de “La
ilustración gráfica en Galicia 1880-1936”, libro dirixido polo departamento de
Historia da Facultade homónima da Universidade de Vigo en Ourense, da man de
María Victoria Carballo Calero e Jorge Varela, e editado pola ourensán
DuendeBux que contou con dous protagonistas de excepción para facer a súa presentación
no entorno da propia facultade: Juan Manuel Bonet e Andrés Trapiello.
* Andrés Trapiello, María Victoria Carballo, Juan Manuel Bonet
Ámbolos
dous, recoñecidos amantes da tipografía e tódolos seus recantos, glosaron unha
chea de anécdotas arredor do libro en cuestión, do que destacaron o traballo
minucioso e coidado e todas esas outras portas que quedan abertas para novos
estudios. E como non, a nova coa que hoxe almorzamos, a morte do Steve Jobs, que
tamén tivo da man de Andrés Trapiello unha pequena homenaxe para quen fixo da
tipografía unha máxima a seguir por tódolos demais gurús da informática.
Tanto Bonet como Trapiello camiñaron case ao unísono por algúns dos
editores e publicacións señeras na historia da gráfica galega (Nós, Ronsel,
Alfar), pasando por algúns pequenos editores basicamente artesáns en épocas
complexas. Nomes tan ilustres como o polifacético Luís Seoane, Víctor Correa, tío
de Juan Manuel Bonet ou Manolo Méndez, ilustrador con Castelao, que despois,
silenciada esa labor, chegou a ser decano do colexio de avogados de Ourense.
En fin, a tarde promete; as charlas co público, a partir das sete en
Novacaixa. E mañá ás oito, no Centro Cultural Simeón, dentro do Foro La Región, Andrés Trapiello
disertará sobre un histórico libro de Vicente Risco, o “Libro das Horas”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario